O día de san Paio, un grupo numeroso de amigos e veciños de Maruxa e Antón de Riveira, iniciamos a nosa particular conquista da natureza, ollando ao lonxe a sen par beleza da ría de Ortigueira no momento preciso en que daba volta a marea e as aves acuáticas se daban un opíparo festín, mentres as árbores da contorna recibían os primeiros raios de sol e unhas nubes ameazaban choiva.
O paseo entre as 138 variedades de especies arbóreas de aquí e de acolá, procedentes das súas viaxes polo país, recollendo un tano (esqueje), unha semente, unha poliña ou mercando algunha rareza que lles gustaba, foron unha regalía para os sentidos, pois xa sabemos o beneficioso que resulta hoxendía abrazar unha árbore, acariñala e sentir o latexo da terra no noso corazón.
Nesa mañá de domingo nós fomos quen de sentir mágoa polo castiñeiro que morreu polo mal da tinta, pero de congratularnos por saber que Antón ten outros castiñeiros ao que o mal non lles afecta. Quizá a árbore máis exótica que vimos foi a sequoia de Padrón, ou a araucaria da zona dos Andes, talvez a acacia de Sevilla, do parque María Luisa, ou a árbore máis vella, un piñeiro que trouxo de Francia. Aplaudimos a resistencia do pino canario, que cando se queima é capaz de rebrotar de entre as cinzas e, como non! axeonllarnos diante do ginkgo biloba, que foi capaz de sobrevivir á terrible bomba atómica lanzada en Hiroshima e que hoxe é símbolo de paz e resistencia no mundo enteiro.
Cada árbore do plantío ten a súa historia, todos están etiquetados co seu nome, feito artesanalmente en madeira. Cando naceron os netos, os avós plantaron un teixo e un castiñeiro, para celebralo. Por certo, ollo cos teixos, seica son dabondo tóxicos.
Quixeron os nosos amigos compartir cos veciños e visitantes saborosas viandas que degustamos en amable compañía e conversa ata o mediodía en tan idílico lugar.