lunes, 10 de noviembre de 2025

VIII SERÁN CARECO SOLIDARIO

 

O pasado 4 de outubro do presente ano, celebrouse o 8º Serán Careco Solidario no campo da feira da nosa parroquia de San Claudio, organizado polos nosos amigos Os Carecos e por esta Asociación Centro Cultural Libro Vivo, a favor de ADICAM (Asociación de diagnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico) e coa colaboración do Concello de Ortigueira e moita, moitísima xente máis.

 Este foi o cartaz deste ano:

 

Cartaz: Os Carecos



 E este foi o cartaz dos grupos colaboradores e por suposto do riquísimo menú:

 

Cartaz: Os Carecos


O día empezou nebreando arreo, pero aínda así, a afluencia de xente foi a esperada, vendéronse máis de 200 racións de callos solidarios con opción vegana, riquísimos e no seu punto exacto de todo.

 Ás 13h deu inicio o serán coa feira de artesanía e a sesión vermú a cargo da Escola de gaitas de Ortigueira; o gran concerto de Os Carecos e para rematar Os do 21.

 Ás 18h empezou a gran foliada con: concerto de Böj; Banda de gaitas de Ortegal; AC Son D´aquí; No cómbaro; Os Montoxos; Canavella; Xilgharada; @s net@s do escribano; Buxainas e para rematar o concerto de Brixta. 

Ó longo do día compráronse moitas rifas para os sorteos das cestas doadas por:

Perruquería Campos de Ortigueira

Tenda Alecrín + Nikis de Betanzos

Bodegas do Ribeirao de Viveiro

Fin de semana no Spa thalasso Viveiro

Cesta dos artesáns

Casa Giz de Cuiña

Hostal Giz de Cuiña

Kit Careco 

Á noite acudeu máis xente, xa que deixara de chover, e esta boa causa o merecía; vendéronse máis de 250 racións de paella, deliciosa e abundante, había onde elixir entre paella mixta, paella de carne e paella vegana. 

Alargouse a noite cunha gran foliada rodeada coma sempre de grandes amigos; onde uns tocaban e outros bailaban. 

Na organización deste evento traballamos moitas persoas capitaneadas polos Carecos, cada un ten o seu posto: na cociña, no toldo, na tenda, servindo menús ou arreglando un grifo e o que faga falta, e todos e cada un deles son moi importantes para que todo isto funcione como unha máquina de mallar; este ano todo saíu rodado e o día foi transcurrindo con fluidez sen grandes problemas e os que aparecían solventábanse ó momento. Non me poido olvidar das nosas palilleiras que tódolos anos veñen coas súas obras de arte e aportan o seu grao de area a esta boa causa, ademáis sempre traen algunha larpeirada que nos sirve de almorzo ou de merenda. 

Este ano tivemos unha falta moi importante para todos nós, facía 7 meses que, sin previo aviso, se nos fora Luis, o noso cociñeiro xefe que sempre nos botou unha man, sempre nos axudou e guiou de forma desinteresada, sempre nos animaba cando nos vía apurados, tranquilizábanos cando algo nos preocupaba, con el todo era más fácil, voluntario para todo e se che podía quitar un peso de enriba, quitábacho; servicial e coidador de todo aquel que o rodeara. A súa ausencia notóuse moito e notóusenos a nós tamen, pero se algo aprendimos de Luis foi que a pesar das adversidades que nos pon a vida por diante, hai que seguir axundando a quen o necesita, e así o fixemos ese día e así o seguiremos facendo nos próximos Seráns Carecos Solidarios. 

Ademáis este Serán as palabras foron poucas, tiñamos un nó na gorxa que non nos deixaba falar, os nosos ollos estaban humedecidos porque estábasenos indo Dolores; estábasenos apagando pouco a pouco a muller que fai 30 anos colleu ó cancro de mama da man e o mantivoo durmido ao seu lado sen que se notara, camiñou con el dunha forma exemplar e admirable, tomou todo canto tratamento lle mandaron e aconsellaron, a súa forma de levalo non ven nos libros de oncoloxía e para moitas foi a avanzadilla e un espello onde mirarse e sentir calma. Sempre tiña unha palabra de consuelo para dicirche, cando a que estaba no medio da tempestade era ela; gran matriarca da súa familia, a bondade personificada e cun corazón inmenso. Quizáis teña que escribirse nos libros de medicina que o amor é a menciña máis importante que o ser humano pode ter nas mans, porque nos momentos no que todo o demáis é inútil, aínda se pode amar, sin esperar recompensas, nin cambios, nin agradecementos; a enerxía do amor transforma o universo ó teu arredor e niso Dolores foi un gran exemplo. 

Por todo iso, por Eva, por Dolores e por tantas mulleres e homes que están padecendo este maldito cancro de mama seguiremos recadando todo canto poidamos, porque estes cartos irán destinados á investigación que é o que fai avanzar os tratamentos para curar ou para mantelo durmido. Por exemplo, hai 9 anos non había tratamento para a nosa Eva e hoxe en día sí que o hai, grazas a estes eventos solidarios que recaudan para investigar en novos e mellores tratamentos; todo isto danos un impulso moi grande para continuar facendo o Serán Careco Solidario que empezou por Eva e continuará moitos anos máis polas xeracións futuras. 

Aínda que tiñamos a ialma en pedazos, o corazón encollido e o pensamento estaba noutro lado, foi un día moi emotivo e moi solidario, todo o mundo colaborou como puido, a xente botouse a comprar ganchillo para colaborar; compraron moitas cousas tanto á asociación ADICAM como ás palilleiras de San Claudio como na nosa tenda que tiña de todo e tamén nos postos de artesanía que viñeron a pasar o día alí.

 En total recadáronse 8182,75 euros que irán doados na súa totalidade a ADICAM: Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico, que teñen a súa sede en Cangas do Morrazo, Pontevedra. A súa misión é mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas, dos seus familiares e a poboación en xeral; estando presente en todas as fases do cancro, dende a prevención, a detención precoz, os diagnósticos e tratamentos, ata a rehabilitación e recuperación. A investigación e a sensibilización é parte importante do seu traballo e loitan a diario por iso. 

Por último, quería agradecer a Os Carecos que organicen este Serán, porque nos fan sentir cousas moi bonitas dentro de nós, somos felices facendo o noso Serán, confirmando así que a solidaridade e a empatía son fundamentais na sociedade actual e na do futuro; como dixo un tal Eduardo Galeano: “moita xente pequena, nun lugar pequeño, facendo cousas pequenas podemos cambiar o mundo”.

 


Vanessa Orjales Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas