domingo, 2 de noviembre de 2025

MANDILÓNS E GLAMOUR

 

A miña nai tiña unha colección de mandís. Estaban prendidos dun gancho na cociña. Poñíaos para calquera tarefa que puidera manchar a roupa e rifábanos cando nós non o faciamos. Tiña unha gran habilidade para atalos e desatalos e nunca saía á rúa con eles postos. Penso que era un xesto de coquetería herdado da miña avoa, á que nunca vin saír á porta da casa en zapatillas.

Quizá por iso me chamou a atención comprobar como no mundo rural galego as mulleres da idade da miña nai, e por suposto as máis maiores, levaban postos de xeito case perenne mandilóns. Poñíanos pola mañá e quitábanos pola noite. Ou esa é a miña impresión.

Mandilóns de cadros atados no costado ou abotoados por diante. Mandilóns de loito de alivio, en branco e negro, ou doutras cores, azuis, verdes, vermellos, marróns..., sempre combinados co branco.

Foto:Marta Sueiras Martínez

Maruxa ofreceuse a comprarme un na feira dos xoves pero eu quiteille a idea da cabeza. Confeseille que era unha prenda que non me gustaba e que prefería o mandil.

Nunca me gustaron os mandilóns, tampouco cando tiña que levalos á escola. Daquela eran de raias brancas e celestes. Cando lles tocou aos meus fillos os mandilóns eran de cores atrevidas, con grandes botóns e mesmo coa posibilidade de bordar os seus nomes. Eran alegres e prácticos a un tempo.

Estes días, entre o funesto panorama de noticias, atopo unha que me alegra a mañá. Incrédula ante o titular “Os mandilóns das avoas galegas emocionan na pasarela de París”. Abro o enlace para saber máis.

A firma italiana sorprendeu na Semana da Moda cunha colección inspirada nos mandilóns e batas de flores das mulleres traballadoras e rurais do sur de Europa. Eleva á categoría de luxo os mandís de cadros, as batas cruzadas e os estampados domésticos, reinterpretando o uniforme cotián de tantas avoas.

A proposta, entre o utilitario e o sentimental, rende homenaxe á tradición, á tenrura e á resiliencia das mulleres que fixeron do traballo e o coidado a súa bandeira. Un xesto que transforma o cotián en moda, e o íntimo en arte.”

Miro as fotos e sorpréndeme gratamente o que vexo. 

Mandilóns de cores ácidas e tamén pasteis, floreados e con motivos varios, con transparencias, con volantes, de coiro e mesmo con pedrería. Mandilóns con sandalias, con botas, con zocos ou con zapato pechado. Mandilóns para ir á oficina, de festa, de cóctel... informal pero ben vestida.

Se pensas que un mandilón non ten nada de glamour agarda a ver a colección primavera-verán 2026 na rúa e mesmo tes que cambiar de criterio.

E pensándoo mellor, voulle tomar a palabra á miña sogra! Direille que cando chegue o bo tempo que si, que me merque un mandilón na feira do xoves. E a ser posible que sexa de cores vivas e con flores.

Pero hai unha dúbida que me inquieta. Saberei levalo coa elegancia innata coa que o levaban, e aínda levan, tantas entregadas mulleres?

 

Dolores Asenjo Gil

1 comentario:

  1. Gracias Loli por esta nova e excelente achega. Claro que o vas saber levar, e a Maruxa váslle aledar o día. No mercado dos xoves, na vila de Santa Marta, están desexosos por vendelos e téñenos de todas as cores e modelos. Unha fermosa lembranza de recoñecemento a nosas nais, avoas e ás mulleres que fixeron o traballo da casa e máis o de fóra, que merecen un monumento, con mandilón ou mandil que, ademais, tiñan petos onde gardar algúnha cousiña para darnos ós meniños. Grazas e parabéns. Feliz día. Carlos.

    ResponderEliminar

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas