lunes, 7 de agosto de 2023

Recoñecemento a dous veciños de San Claudio

Os dos homenaxeados no xardín do Escolar


    O sábado día 1 de Xullo, ás 15:45h., tiveron lugar diferentes actividades con motivo do nomeamento como socios de mérito outorgados a don Antonio Martínez Pereira e a don Andrés Piñón Vilela, en sinal de recoñecemento polo seu destacado labor coa Asociación Centro Cultural Libro Vivo de San Claudio, ao longo do tempo.

ACTOS:

    · Inauguración da exposición de pintura Enfoques de San Claudio da que é autor D. José Luís Herguedas Ramos, con raíces na parroquia e que pasa longas tempadas na súa casa do lugar de A Rega. José Luís recolleu en imaxes a transformación da paisaxe desde os anos setenta do pasado século ata o presente. A exposición estivo aberta ó público só esa tarde, desde as 15:45 h ata as 22 h.

    · Acto de recoñecemento como socios de mérito a Antonio e Andrés. Interviñeron varios amigos e familiares dos homenaxeados, ilustrando con imaxes parte da traxectoria sociocultural dos mesmos.

    · Como fin de festa actuou a Rondalla de Cedeira, dirixida polo mestre don José Piñón Pepín de Soto de Axilde– interpretando unha selección de pezas musicais, entre as que figuraron habaneras, pasacalles, boleros, valses e rancheras, sendo moi aplaudidos.

   · Despois da actuación ofreceuse un pequeno ágape a tódolos asistentes.

    Presentou o acto o presidente da asociación Carlos Breixo Rodríguez, agradecendo a presenza e participación dos socios e da veciñanza en xeral.



Carlos Breixo (c) fai entrega do diploma a Antón de Ribeira (i)
ante a atenta mirada da súa muller, Maruxa (d).


Actividade de Libro Vivo durante a época de Antón de Ribeira na xunta directiva.

(Palabras pronunciadas por Juan Martínez Piñeiro, o seu fillo, no Escolar de San Claudio, o 1 de xullo de 2023, durante o acto de homenaxe aos expresidentes da Asociación Centro Cultural Libro Vivo de San Claudio Andrés Piñón Vilela e Antonio Martínez Pereira)


    Boas tardes e grazas a todas as persoas presentes pola asistencia a este acto.

   Grazas tamén á xunta directiva da Asociación Centro Cultural Libro Vivo de San Claudio por permitirme dirixirvos estas palabras nesta homenaxe aos expresidentes da asociación Andrés Piñón Vilela e Antonio Martínez Pereira, meu pai, máis coñecido entre os veciños como Antón de Ribeira.


          
O presidente de Libro Vivo, Carlos Breixo (i), entrega o seu diploma a Andrés Piñón (d)


    Grazas, no nome de meu pai por este acto público de recoñecemento e, sobre todo, grazas ás demais persoas que, xunto cos homenaxeados, conseguiron animar a vida cultural de San Claudio.

    A continuación imos repasar a vida de Libro Vivo durante a época en que meu pai, Antón de Ribeira, pertenceu á súa xunta directiva, coa ilustración de fotos e outros documentos sobre a pantalla.

    Empezarei pola constitución da asociación, que se produciu en 1979 como consecuencia da transformación en asociación do Teleclub de San Claudio, o cal xa viña funcionando desde 1975 neste mesmo edificio do Escolar.

    Meu pai foi un dos socios fundadores da asociación e formou parte durante varios anos da xunta directiva do teleclub e da asociación, como tesoureiro, como vicepresidente e, finalmente, como presidente.


Andrés (i) e Antón (d) cas súas mulleres Dolores (ci) e Maruxa (cd)


    Daquela integraban a xunta directiva persoas veteranas, como Gerardo Durán Chao, Miguel de Teixeiro, Pepe de Fina, Alejandro de Ribeira ou Ramón de Felipe, que xa nos deixaron, ou Don Avelino, o párroco, a quen lle debemos o nome da asociación e de quen sabemos que está pasando por un delicado estado de saúde. Aínda que, como ocorre na actual xunta directiva, tamén había xente moi xoven, como María Dolores e Suso do Forno, Darío, Paco Fraguela ou Gerardo e Moncho de Durán.

    Durante esa época, os membros da xunta directiva, coa colaboración de moitos outros socios e veciños, levaron a cabo diferentes actividades, das que imos lembrar algunhas.

    Como tamén imos mencionar persoas que participaron nelas dun xeito ou doutro, é probable que me esqueza de alguén ou que algúns datos non sexan tan precisos como me gustaría. Por iso vos pido, por adiantado, comprensión polas imprecisións que poida haber, que estarán motivadas, simplemente, porque non conseguín recuperar de maneira completa e fiel á realidade os recordos das persoas que interviñeron nas actividades.

    Por iso, se alguén ten algún dato, foto, recorte de xornal… que complete ou corrixa o que vou contar, a xunta directiva agradecería moito que lle facilitaran esa información para poder recoller con maior exactitude a historia da asociación.


1.- A rondalla.

    Comezarei pola rondalla, que foi creada en 1979 e que se mantivo uns tres anos.

    Estaba dirixida por Pepe de Ramos, músico profesional xa retirado, ao que algúns dos socios ían buscar e levar á súa casa da Lagarea os días de ensaio e de actuación, habitualmente Miguel de Teixeiro, Alejandro e Antón de Ribeira, pero tamén outros como Pancholo, Pepe de Fina...

    Aínda que Ramos nunca pediu cobrar polos seus servizos, ao cabo dun tempo a xunta directiva considerou que a súa tarefa debía recompensarse con algunha gratificación, e así se fixo.

    Ademais, Pepe, o fillo de Ramos, nalgunha ocasión tamén lle botaba unha man ao seu pai ensinando a tocar as guitarras.

    Ás veces, os ensaios de bandurria, de laúd e de mandolina facíanse na planta alta do Escolar e os de guitarra no faiado, lugar que a máis dunha persoa lle impoñía respecto e ata un pouquiño de medo, porque daquela non era tan acolledor coma hoxe.

    Como os compoñentes da rondalla non tiñan coñecementos de solfexo, manexaban partituras cifradas, as cales, en lugar das notas musicais, tiñan escritos números que se correspondían coas notas que debían tocarse.

    A rondalla tivo numerosas actuacións na parroquia, sobre todo no Escolar, aínda que tamén no campo das festas do Carmen e dos Dolores.

    E actuou tamén fóra de San Claudio. Por exemplo, nas festas de Cerdido, ao lado da igrexa; en Cedeira; en Espasante, segundo se recolle no Ideal Gallego; no Teleclub do Pedroso, en Narón; no Teleclub de Couzadoiro, neste caso en 1979, segundo recolle un artigo de La Voz de Ortigueira e mais a dedicatoria da xunta directiva do Teleclub de Couzadoiro no dicionario regalado a Libro Vivo que se conserva na biblioteca.

    Algúns compoñentes que xa non están con nós, e que hoxe lembramos con especial agarimo, eran:

    - Ao laúd, Pepe de Fina, Corita e mais Ramón de Felipe, ao que lle debemos a súa condición de gran animador e de alma mater en numerosas iniciativas de Libro Vivo.

    - Á guitarra, Miguel de Teixeiro, que sempre se colocaba na esquerda do escenario, debido a que era zurdo, para non tropezar co mastro da guitarra nos compañeiros.

    - Á mandolina, María Dolores, neta de Ramos.

    - Na dirección, o mestre Ramos.

    Outros compoñentes, algúns deles presentes neste acto, eran:

    - Á bandurria: Darío, María José do Forno, Pilar do Graibo, Moncho de Durán, María José de Perniche, Mariuca do Páxaro, Belén de Rodrigo, Clarita de Teixeiro, Eva de Peña, Marisuca ou Carmen de Consuelo de Serapio.

    - Á mandolina: María Jesús, tamén neta de Ramos.

    - E á guitarra: Carmencita de Durán, Sarita de Perniche, Susito do Páxaro, Regina do Xestal, Aurora de Ribeira, Mari Paz, Mariola, Mari do Coto, “Currito” de Carreira Cabada ou Maite de Foxo.

    Pero aínda houbo máis persoas que empezaron na rondalla e que, por unha razón ou por outra, a deixaron. Foi o caso, por exemplo, de Manolo de Goimel, de Carlos Breixo, de Gerardo de Durán ou de Luís de Cándida, quen protagonizou a seguinte anécdota.

    Ramos asignoulle unha bandurria, pero como a Luís lle tiraba máis a percusión, deulle a volta á bandurria, empezou a palmeala ritmicamente e, contento coa súa exhibición, dixo:

    -Son o máis chulo, eh?

    Ao que Ramos, pendente de non perder o control do grupo, respondeulle:

    -Si, o máis chulo… despois de min!

    Como distintivo da rondalla, os compoñentes lucían o broche azul de Libro Vivo que Carmiña do Outeiro lles bordou.

    E que máis dicir da rondalla? Pois que aínda hoxe é unha satisfacción que algúns dos compoñentes sigan en activo, coma Moncho de Durán e Aurora de Ribeira, que actualmente forman parte da rondalla de Cedeira, coa que hoxe van actuar aquí, polo que aínda conservamos un xermolo do que podería renacer a rondalla de San Claudio.


2.- Promoción musical.

    No marco da promoción musical levada a cabo por Libro Vivo, ao redor do ano 1980 pensouse en formar un grupo de gaiteiros, no que Luís de Cándida tocaría o tambor, e ata se compraron tres gaitas, co fol de cor azul, e mais un pandeiro, segundo lembra María Dolores do Forno. Pero esta idea, a diferenza doutras, non callou, o que foi unha mágoa.

    E por esa época tamén se adquiriron discos e un equipo de música para escoitalos no Escolar. Como o acceso ao equipo e aos discos era libre, ante o temor de que alguén pouco coidadoso puidese estragalos, leváronse para a casa reitoral da parroquia. Iso si, co compromiso de que os socios puideran ir escoitalos alí cando quixeran!


3.- Grupo de baile galego.

    Outra actividade relevante da asociación foi o grupo de baile galego.

    staba dirixido por María Dolores do Forno e por Mariló de Graña, actuaba co vestido tradicional galego e formábano só rapazas: Pilar de Ribados, Regina do Xestal, Carmen de Consuelo de Serapio, Mari Paz, Belén de Rodrigo, Natalia e Maite de Foxo, Sarita e María José de Perniche, Mariola, Sandra, Marisuca…

    Este grupo de baile naceu sen nome artístico, pero bautizóunolo Cheda un día que o veu bailar na festa de Axilde. Como ía escribir unha crónica da festa, preguntou como se chamaba o grupo e María Dolores respondeulle que non tiña nome. Así que Cheda repreguntou:

    -E se lle poñemos “Amoriños”?

    O caso é que ninguén propuxo outro nome, así apareceu na reseña de La Voz de Ortigueira e así lle quedou: “Amoriños”.

    O grupo de baile tivo actuacións nos numerosos festivais que se organizaban no Escolar e máis no campo das festas da parroquia, diante do palco da música durante as pezas da misa.

    O grupo tamén actuou fóra da parroquia, nalgunha ocasión grazas ás xestións de Don Avelino. Por exemplo, en San Adrián, en Santa Marta de Ortigueira no Teatro de Beneficencia, en Cariño e máis no Pedroso. E incluso actuou fóra de Galicia, concretamente en Puente de Domingo Flórez, que pertence a León.


4.- Festivais.

    Unha actividade bastante recorrente eran os festivais, que estaban organizados, sobre todo, polos membros do grupo de baile, habitualmente con ocasión dalgunha celebración (Nadal, festas da parroquia…) e contiñan números variados:

    -Baile galego, a cargo do grupo de baile, e ballet.

    -Pasatempos e contos ou chistes teatralizados:

    -Que é a fe?, lle preguntaban a Mari Paz.

    E ela respondía:

    -Fe…? Fe… é a muller de Rego de Goimel!

    -Música. Por exemplo, a dos irmáns Cornide Albo, do Forno, interpretando pezas de Fuxan os Ventos co acompañamento de Luís de Cándida á caixa; ou a música de corda de Sarita, Regina e Aurora de Ribeira, que aínda se acorda de cando tocaron En mi viejo San Juan, ou Humo en el agua, co acompañamento de ballet de Pilar de Ribados.

    Tamén debemos lembrar que un puntal dos festivais era José Manuel do Páxaro co seu equipo de son, composto simplemente por unha radio casete e un micrófono, moi lonxe dos aparellos electrónicos que hoxe temos case todos. O certo é que case nunca fallaban e que a man habilidosa de José Manuel era capaz de facer montaxes coas cintas de música que daquela nos asombraban. Ademais, grazas a el vimos por primeira vez en San Claudio un micrófono inalámbrico, aínda que cando nolo anunciou pensamos que non era máis ca unha inventada, porque nos custaba crer que un micro puidese funcionar sen o cable de sempre. Pero…, claro que funcionou!

    En fin, aínda que os festivais ás veces foran espectáculos modestos, lembro que sempre saíamos satisfeitos deles.


5.- Acollida de actuacións foráneas.

    No verán de 1980 ou 1981 estivo no Escolar unha coral do Teleclub do Pedroso, acompañada con acordeón, ao que a asociación lle devolveu a visita coa rondalla.

    Tamén nos visitou o grupo de teatro do Teleclub de Couzadoiro, así como un grupo traído por Parallé, de Barallobre, que interpretou no Escolar, por unha festa do Carmen, música folk e contos curtos.


6.- Conservación e mellora do Escolar.

    En canto á conservación e mellora do Escolar, hai diversa documentación que a recolle.

    Para atender as necesidades das actuacións de baile, dos festivais, da rondalla… primeiro ampliouse o tamaño do escenario que había na planta alta do edificio. Máis tarde, por seguridade, dado que o piso da planta alta xa rinchaba cando asistía moito público aos espectáculos, montouse na planta baixa un escenario máis amplo. E colocáronse as butacas do cine de Senra, que se compraron para comodidade dos espectadores. Aquelas butacas eran de madeira, sen acolchado e ben duras, pero entón considerámolas un luxo.

    Para acondicionar a planta baixa como salón de actos, as banquiñas de madeira, que pertenceran ás escolas unitarias das nenas e dos nenos, gardáronse no soto do edificio, onde a humidade fixo estragos nelas, de xeito que só conservamos unha, restaurada por meu pai e que actualmente se atopa no museo situado no faiado do edificio.

    Tamén houbo que repoñer moitos dos balaústres rotos dos balcóns traseiros e das escaleiras de acceso ao edificio, que fixo meu pai, despois de preparar os correspondentes moldes, dos que aínda hoxe se conserva algún.


7.- O grupo de teatro.

    Outra actividade exitosa foi o grupo de teatro, sobre a que lamentablemente non atopamos fotos nin documentación.

    Baixo a dirección impecable e meticulosa de Ramón de Felipe, tras numerosos ensaios, púxose en escena a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, a historia de tres homes moi maiores que se namoran a destempo, porque pretenden burlarse da morte cando esta se acerca.

    Lembramos que Ramón de Felipe foi moi rigoroso na preparación da obra, incluso para os actores con papeis modestos, pois consideraba que a calidade da representación ía medirse tamén polos pequenos detalles.

    Por esa razón, aínda que alguén só tivera unha pequena frase pedíalle que a ensaiara ata que a dicción e a tonalidade fosen xustamente as que requiría a escena. E por iso se lembra como lle esixía a un actor que dixera exactamente Abofé, e non A boa fe, que, aínda que parece o mesmo, non era o que tocaba dicir. Ou tamén:

    -Tes que darlle máis énfase á frase…

    Para a continuación serenar a quen fora e dicirlle:

    -Pero non tanto, ho!

    A obra seguemos a lembrala como unha actuación memorable de moita xente de San Claudio que nunca antes pensara en ser nin actriz nin actor. Foi o caso, nos principais papeis, das seguintes persoas:

    -Federico de Area, xa falecido, que facía de Don Saturio, o boticario namorado de Lela, que estaba representada por Mari Paz, á que lle cantaban unha canción coa música da peza de rondalla de tuna “Triste y sola se queda Fonseca…” (Lela, Lela, Leliña por quen eu morro…)

    -Manolo de Goimel, no papel de Don Ramón, o fidalgo borrachín namorado de Micaela, interpretada por María José do Forno.

    -Moncho de Durán, que facía de Sr. Fuco, o vinculeiro namorado de Pimpinela, a quen representaba Pilar de Ribados.

    E quen máis? Pois, por exemplo, Paco Fraguela e Carmiña do Xestal, que eran os pais de Don Ramón, aos que unicamente se lles vía a cara nos retratos de familia colgados na parede da sala da casa e que só falaban cando Don Ramón estaba bébedo, para botarlle en cara o seu vicio e mais que non o recoñecían como fillo. Ao que Don Ramón lles replicaba con sorna:

    -Eh? Que? Que falas ti, lorito real?

    Ou tamén:

    -Pois se non son fillo voso, deixádeme en paz. E moito coidadiño, eh?, porque senón mándovos ao faiado!

    E aínda había máis actores, claro, como Corita e Carlos de Carreira Cabada, que eran mozos das rapazas pretendidas polos vellos; Luís Doce, a Morte; Susito do Páxaro, o Sapo; Luís de Cándida, que facía de recadeiro; e as plañideiras, representadas por Marisa do Mimí, que choraba de luxo segundo se di, por Carmiña e Fefa do Xestal, por Carmen de Consuelo de Serapio

    En xustiza, hai que lembrar que a obra foi o resultado dun traballo colectivo no que tamén participaron moitas persoas que non subiron á escena. Por exemplo, Pepe de Fina e Darío, que estaban entre bastidores como tramollistas; Maruxa de Vicenta, a nai de Darío, que coseu o telón do escenario; ou meu pai, que preparou a silveira de buxos e de hedras por detrás da que pasaba a cruz do enterro do boticario …

    E a vestimenta e os decorados, quen os preparou e con que materiais? E a botica, que estaba pintada, quen a pintou?

    Sabemos que a bata do boticario foi un mandilón branco do Forno, pero sobre o demais non atopamos a ninguén que o lembrara.

    A obra representouse polo menos dúas veces no Escolar e tamén fóra de San Claudio: No Teatro de Beneficencia de Santa Marta de Ortigueira, en Couzadoiro e no cine de San Adrián.

    E para rematar co teatro, dúas cousas. Por un lado, lembrar que esta obra volveu representarse na época en que Andrés Piñón foi presidente da asociación. E, por outra parte, que, coa emoción coa que lembramos: Os vellos non deben de namorarse, estaría moi ben que nos animáramos a poñer en escena algunha outra obra representada pola xente de San Claudio. Así que, como todo é poñerse, ánimo… e mans á obra! E nunca mellor dito. Á obra … de teatro!

    Como estamos vendo, a participación nas actividades de Libro Vivo era numerosa, polo que os ensaios e as actuacións deron para moitas anécdotas, algún amorío e travesuras infantís, como a de xogar imprudentemente cos cables do tendido eléctrico que pasaban á altura das ventás da primeira planta, daquela aínda a 125 voltios, para ver quen se atrevía a toparlles e comprobar os calambres que daban.


8.- Curso para conducir tractores.

    En 1979, organizado probablemente pola Cámara Agraria de Ortigueira, impartiuse en San Claudio un curso para a obtención do carné de conducir tractores dirixido a persoas de toda a comarca. A fase teórica recibíase na planta baixa do Escolar, nos vellos pupitres da escola que daquela aínda se conservaban, e a fase práctica cun tractor nun terreo situado ao lado do Escolar, hoxe propiedade de Martín da Ovella.

    Coa superación dos exames deste curso só se podía obter o permiso para conducir tractores, pero a aprobación do exame da teoría valía para obter o carné de conducir coches, cousa que fixeron despois tamén algúns veciños e veciñas, como Nemesio do Páxaro, Rego de Goimel, Matilde do Curro, a carteira, Ramón de Felipe e máis… Maruxa da Bodeguiña, miña nai e compañeira de meu pai, aos que non só lles debo estar no mundo e hoxe aquí, senón, sobre todo, moitas, moitas leccións de vida. Moitas grazas aos dous… por todo!

    Tamén participaron no curso outras persoas de San Claudio: Mari, muller de Toñito de Foxo; Zoila, muller de Pepe dos Barreiros, que o deixou ao quedar embarazada; Mari Carmen de Carballo de Boi, que tampouco o acabou…


9.- As exposicións de pintura.

    E xa para ir rematando, lembramos que durante varios anos, como actividade durante as festas do Carmen, fixéronse exposicións de pintura de artistas da comarca ou vinculados con ela.

    Era o caso de afeccionados, coma Olguita do Cristo, ou de profesionais, coma Secundino Rivera, pintor natural do Barqueiro que desenvolveu a súa carreira artística principalmente en Venezuela e Madrid.

    En fin, exhibíanse cadros de fillos, parentes e amigos de veciños. Por exemplo, de Pepe de Teresita da Rega ou de José Luís Herguedas Ramos, fillo de Hortensia da Rega, que hoxe nos brinda unha excelente exposición dos seus cadros nesta sala e que, de cando en vez, seguimos a ver por San Claudio co seu cabalete e os seus pinceis pintando paisaxes con esmero.

    E con isto non me queda nada máis por dicir, salvo darvos as grazas pola vosa atención.



A concelleira de Cultura de Ortigueira, Ana Cartelle (no centro, con chaqueta negra, sentada ó lado de "Tinín"), asistiu ao acto de recoñecemento no Escolar de San Claudio.


Palabras pronunciadas por Dolores Cornide:

    Dolores Cornide lembrou que hai máis de corenta anos o Escolar quedara baleiro dende que as escolas rurais se concentraran no grupo escolar en Ortigueira. A primeira directiva de Libro Vivo, en tempos da transición empezou a traballar con moita ilusión e moi poucos medios. E aí estaba Antón, colaborando e apoiando as iniciativas dos máis novos. Formaba equipo directivo con Ramón de Felipe, Pepe de Fina e Miguel Teixeiro, grandes impulsores deste proxecto.

    Empezou a andadura polo ano '77, con moita xuventude e moita máis xente, formando a Rondalla, o grupo de baile e o teatro, organizando os festivais de fin de verán e de Nadal, pasando moitas tardes ensaiando coa colaboración de todos. Aqueles nenos e nenas foron medrando, pasou a xuventude e cada un tomou o seu rumbo, enfriándose as actividades.

    Pasado un tempo, o grupo de Tempo Libre, volveu a recuperar varias actividades e o Escolar cobrou de novo vida.

    A Comisión de Festas do ano '99, convocou unha reunión de antigos asociados, elixindo un Equipo Directivo. Recordo que se levantou Bebito e dixo: "Non fai falla votar, a Directiva que sexa a Comisión de Festas: Quico, Carlos e Andrés", e todo o mundo estivo dacordo. Logo elixíronse os vocais, e empezou unha nova etapa.

    No nome de Andrés quero recalcar que el non se considera merecedor desta distinción, que calquera outra persoa que se implicou nesta asociación. Que todos traballaron e colaboraron na medida das súas posibilidades, e non só a Directiva, senón a toda a xente, amigos e socios que veñen aos actos, o grupo de bolillos, o club de lectura, taller da memoria, zumba, baile tradicional, ximnasia, charlas e xantares de convivencia, que dalgún xeito fan que o Escolar se manteña vivo.

    É un legado que queremos deixar para os nosos fillos e netos. Forma parte da historia da nosa parroquia, e así debe continuar.

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas