![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
As visitas á aldea espázanse cada vez máis. As competicións deportivas, os exames e a vida social de todos os membros da familia son a causa. Os avós agardan pacientemente por esa fin de semana libre de compromisos, non lles queda outra! E cando volvemos é coma se unha airexa rebuldeira se colara por todas as fiestras da casa. Gústalles a compaña.
Para os netos estas frugais visitas son comidas ricas da avoa, curas de sono e partidas de brisca co avó despois da cea.
A Juan sóbralle con estar, con respirar o aire, mestura de herbas e reminiscencias de salitre, co que medrou.
E para min son un espertar dos sentidos. A vista agudízase ata chegar a diferenciar tantas tonalidades de verdes, vermellos, amarelos e mesmo de brancos que supera con creces o catálogo da máis prestixiosa marca de pinturas. O oído, un pouco anestesiado polos repetitivos ruídos urbanos, rastrexa o reptar dos lagartos ou o voar das bolboretas. O olfacto, quizais o máis avarento, quere acaparar todos os recendos, pero son tantos que por veces se trabuca. O tacto vai con máis calma. Gústalle cotexar a suavidade da pel dos bidueiros coas rugosidades da cortiza dos piñeiros. E que dicir do gusto! Comer unha mazá que saiba a mazá é un pracer tan sinxelo coma estraño.
E así, nun ambiente tranquilo e afectuoso, pasa nun tris a fin de semana. Marchamos co espírito en calma e o maleteiro cheo. Patacas, cebolas, acelgas, pexegos, claudias... depende da estación. E flores, sempre que as hai.
Nunha época na que as axencias de viaxes tentan os seus potencias clientes co slogan “sexa protagonista e non mero espectador” ao tempo que lles ofrecen experiencias únicas como nadar entre quenllas no Caribe, rastrexar en submarino os restos do Titánic ou mesmo, para aqueles que naden na abundancia, viaxes ao espazo exterior, estas sinxelas escapadas, sen riscos, sen nada rechamante que subir ás redes sociais e sen unha inxección de adrenalina, poden parecer insípidas de máis. Pero alguén dubida que sentir a un tempo cos ollos, cos oídos, co nariz, coas papilas gustativas e coas mans é unha experiencia extraordinaria?
por Dolores Asenjo Gil
