miércoles, 22 de enero de 2025

H2O

 É o segundo fin de semana de xaneiro e para nós o primeiro que imos a San Claudio neste novo ano. Alborexa cunha néboa mesta que impide mesmo ver a ría. Sen présa a brétema vaise desfacendo coma as galletas que esfaragullan no vaso de leite e non podes atrapalas coa culleriña. As cores xorden cunha nova viveza, cun brillo que semella de estreo.

Os restos do resío simulan purpurina en fieitos e herbas.

As flores de camelia escintilan coma as luces de Nadal. Os paxaros expanden con xenerosidade os seus trinos por toda a parroquia. Contaxiada por tanta enerxía camiño case ao trote ao tempo que cantaruxo contenta.

O día está fresco de máis e por momentos parezo unha fumadora empedernida  que cuspe fumarolas ao aire límpido.

Atópome con varios gatos que deambulan en liberdade. Todos están repoludos coma se, eles tamén, paparan demasiado nas festas.

Foto: Dolores Asenjo Gil

Un murmurio cantareiro acompáñame dende que saín da casa. É a auga que corre, feliz tamén, por regos e gabias. O lavadoiro do Orxado desbórdase con estrondo e as súas augas mansas seguen o camiño marcado.

Foto: Pilar Martínez Martinez

Só en Faxín de Arriba a auga enmudece. Percibo unha calma case total crebada polo lene movemento das follas dos eucaliptos. Antes de chegar á Capilla retorna o cantar da auga entre silvas e salgueiros.  

E penso que a esta aldea tocoulle o premio do Sorteo Extraordinario de Inverno 2025 da Lotería Nacional. O premio máis grande: a auga.     

Dolores Asenjo Gil

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas