martes, 25 de noviembre de 2025

MAGOSTO, V CONCURSO DE DOCES E FOLIADA DE OUTONO

 O pasado sábado 8 de novembro tivo lugar no escolar de San Claudio o magosto e a quinta edición do concurso de doces.


Cartaz: Ivan Rodríguez

 A partir das 4 da tarde os participantes do concurso foron chegando dunha forma cuasi-anónima coas súas larpeiradas seguindo as instrucións das organizadoras. Aquí van as 10 larpeiradas participantes:

Fuji Tropical

Foto: Vanessa Orjales

Nube de Améndoa 

Foto: Vanessa Orjales

Oysters

Foto: Vanessa Orjales

Petiscos de Améndoa

Foto: Vanessa Orjales

Cremosiña de Queixo

Foto: Vanessa Orjales


Bico da Fraga

Foto: Vanessa Orjales


Pionono Doce

Foto: Vanessa Orjales

Red Fruits

Foto: Vanessa Orjales

Rulichocos

Foto: Vanessa Orjales

Tarta de Queixo 
 

Foto: Vanessa Orjales


 A partir das 5 da tarde e despois de probalos todos na súa xusta medida para non darlle moito que facer á insulina, comezou o reconto de votos que coma sempre estivo bastante rifado:

    1º Posto para Carmen do Xestal que levou ás Oysters ao podio directo grazas á laboriosa elaboración e ó tempo empregado, a parte que eran un auténtico manxar para o padal.

    2º Posto para Cañí que cos seus Petiscos de Améndoa volve ó podio de novo, que barbaridade, lévao no sangue!

    3º Posto para Mª Carmen co seu Fuji Tropical, conseguiu un merecido posto no podio pola súa frescura e sabor.

O resto de participantes foron:

        Kika con Cremosiña de queixo

        María de Munsuri con Red Fruits

        Inés con Nube de Améndoa

        Carla cos Rulichocos

        Óscar con Pionono doce

        Samuel con Bico da Fraga

        Verónica con Tarta de queixo

Foto: Vanessa Orjales



A partir das 7 da tarde, unha vez rematado o Concurso de Doces deu comezo o Magosto e degustación de castañas con chocolate, chourizos ó viño e liscos; e todo isto ben regadiño co viño porque facía falta algo salgado para compensar tanto doce.

Parecía que a cousa ía rematando, pero nada más lonxe da realidade, cada vez ía chegando máis e máis xente ó escolar; non ía ser todo comer e beber; tiñamos que bailar algo para baixar semellante manxar; así a partir das 9 e media da noite comezou a gran foliada de outono da nosa asociación.


Cartaz: Iván Rodríguez

Para inaugurar esta foliada comezou o grupo “Nordeste Callado” que non deixou indeferente a ninguén e puxo a todo o público en pé a bailar. 

Foto: Vanessa Orjales

De seguido subeu ó escenario o grupo “O Son do Sor” que non deixaron descansar a ninguén e continuaron poñendo música da boa para seguir bailando. 

Foto: Vanessa Orjales

En terceiro lugar actuaron “Troula do Ortegal” que ó igual que os anteriores non deixaron que decaera o ritmo; moreas de xente buscaban sitio para entrar no baile. 

Foto: Vanessa Orjales

Esta foliada de outono foi un éxito rotundo; cheo absoluto ata a bandeira, pasamos do centenar de persoas, chegaban os coches ó Cristo por un lado e ó Correo polo outro; xente de tódolos lugares do Ortegal déronse encontro no escolar de San Claudio para celebrar unha vez máis a música e o baile da nosa terra; que maneira de tocar, que maneira de bailar, que maneira de cantar, que maneira de beber...vaia tesouro que temos pola nosa terriña.

 A xente non tiña présa en irse para a casa así que continuamos coa foliada libre ata ben entrada a madrugada, descoñezo a hora en que pechamos; total comida e bebida había de sobra, así que, qué presa había? Ningunha. Foi unha tarde-noite marabillosa, xuntámonos, falamos, comemos, bebemos, voltamos a beber bailamos, escoitamos contos e divertímonos. 

Foto: Vanessa Orjales


Foto: Vanessa Orjales


Foto: Vanessa Orjales


 

Por Vanessa Orjales













lunes, 10 de noviembre de 2025

VIII SERÁN CARECO SOLIDARIO

 

O pasado 4 de outubro do presente ano, celebrouse o 8º Serán Careco Solidario no campo da feira da nosa parroquia de San Claudio, organizado polos nosos amigos Os Carecos e por esta Asociación Centro Cultural Libro Vivo, a favor de ADICAM (Asociación de diagnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico) e coa colaboración do Concello de Ortigueira e moita, moitísima xente máis.

 Este foi o cartaz deste ano:

 

Cartaz: Os Carecos



 E este foi o cartaz dos grupos colaboradores e por suposto do riquísimo menú:

 

Cartaz: Os Carecos


O día empezou nebreando arreo, pero aínda así, a afluencia de xente foi a esperada, vendéronse máis de 200 racións de callos solidarios con opción vegana, riquísimos e no seu punto exacto de todo.

 Ás 13h deu inicio o serán coa feira de artesanía e a sesión vermú a cargo da Escola de gaitas de Ortigueira; o gran concerto de Os Carecos e para rematar Os do 21.

 Ás 18h empezou a gran foliada con: concerto de Böj; Banda de gaitas de Ortegal; AC Son D´aquí; No cómbaro; Os Montoxos; Canavella; Xilgharada; @s net@s do escribano; Buxainas e para rematar o concerto de Brixta. 

Ó longo do día compráronse moitas rifas para os sorteos das cestas doadas por:

Perruquería Campos de Ortigueira

Tenda Alecrín + Nikis de Betanzos

Bodegas do Ribeirao de Viveiro

Fin de semana no Spa thalasso Viveiro

Cesta dos artesáns

Casa Giz de Cuiña

Hostal Giz de Cuiña

Kit Careco 

Á noite acudeu máis xente, xa que deixara de chover, e esta boa causa o merecía; vendéronse máis de 250 racións de paella, deliciosa e abundante, había onde elixir entre paella mixta, paella de carne e paella vegana. 

Alargouse a noite cunha gran foliada rodeada coma sempre de grandes amigos; onde uns tocaban e outros bailaban. 

Na organización deste evento traballamos moitas persoas capitaneadas polos Carecos, cada un ten o seu posto: na cociña, no toldo, na tenda, servindo menús ou arreglando un grifo e o que faga falta, e todos e cada un deles son moi importantes para que todo isto funcione como unha máquina de mallar; este ano todo saíu rodado e o día foi transcurrindo con fluidez sen grandes problemas e os que aparecían solventábanse ó momento. Non me poido olvidar das nosas palilleiras que tódolos anos veñen coas súas obras de arte e aportan o seu grao de area a esta boa causa, ademáis sempre traen algunha larpeirada que nos sirve de almorzo ou de merenda. 

Este ano tivemos unha falta moi importante para todos nós, facía 7 meses que, sin previo aviso, se nos fora Luis, o noso cociñeiro xefe que sempre nos botou unha man, sempre nos axudou e guiou de forma desinteresada, sempre nos animaba cando nos vía apurados, tranquilizábanos cando algo nos preocupaba, con el todo era más fácil, voluntario para todo e se che podía quitar un peso de enriba, quitábacho; servicial e coidador de todo aquel que o rodeara. A súa ausencia notóuse moito e notóusenos a nós tamen, pero se algo aprendimos de Luis foi que a pesar das adversidades que nos pon a vida por diante, hai que seguir axundando a quen o necesita, e así o fixemos ese día e así o seguiremos facendo nos próximos Seráns Carecos Solidarios. 

Ademáis este Serán as palabras foron poucas, tiñamos un nó na gorxa que non nos deixaba falar, os nosos ollos estaban humedecidos porque estábasenos indo Dolores; estábasenos apagando pouco a pouco a muller que fai 30 anos colleu ó cancro de mama da man e o mantivoo durmido ao seu lado sen que se notara, camiñou con el dunha forma exemplar e admirable, tomou todo canto tratamento lle mandaron e aconsellaron, a súa forma de levalo non ven nos libros de oncoloxía e para moitas foi a avanzadilla e un espello onde mirarse e sentir calma. Sempre tiña unha palabra de consuelo para dicirche, cando a que estaba no medio da tempestade era ela; gran matriarca da súa familia, a bondade personificada e cun corazón inmenso. Quizáis teña que escribirse nos libros de medicina que o amor é a menciña máis importante que o ser humano pode ter nas mans, porque nos momentos no que todo o demáis é inútil, aínda se pode amar, sin esperar recompensas, nin cambios, nin agradecementos; a enerxía do amor transforma o universo ó teu arredor e niso Dolores foi un gran exemplo. 

Por todo iso, por Eva, por Dolores e por tantas mulleres e homes que están padecendo este maldito cancro de mama seguiremos recadando todo canto poidamos, porque estes cartos irán destinados á investigación que é o que fai avanzar os tratamentos para curar ou para mantelo durmido. Por exemplo, hai 9 anos non había tratamento para a nosa Eva e hoxe en día sí que o hai, grazas a estes eventos solidarios que recaudan para investigar en novos e mellores tratamentos; todo isto danos un impulso moi grande para continuar facendo o Serán Careco Solidario que empezou por Eva e continuará moitos anos máis polas xeracións futuras. 

Aínda que tiñamos a ialma en pedazos, o corazón encollido e o pensamento estaba noutro lado, foi un día moi emotivo e moi solidario, todo o mundo colaborou como puido, a xente botouse a comprar ganchillo para colaborar; compraron moitas cousas tanto á asociación ADICAM como ás palilleiras de San Claudio como na nosa tenda que tiña de todo e tamén nos postos de artesanía que viñeron a pasar o día alí.

 En total recadáronse 8182,75 euros que irán doados na súa totalidade a ADICAM: Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico, que teñen a súa sede en Cangas do Morrazo, Pontevedra. A súa misión é mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas, dos seus familiares e a poboación en xeral; estando presente en todas as fases do cancro, dende a prevención, a detención precoz, os diagnósticos e tratamentos, ata a rehabilitación e recuperación. A investigación e a sensibilización é parte importante do seu traballo e loitan a diario por iso. 

Por último, quería agradecer a Os Carecos que organicen este Serán, porque nos fan sentir cousas moi bonitas dentro de nós, somos felices facendo o noso Serán, confirmando así que a solidaridade e a empatía son fundamentais na sociedade actual e na do futuro; como dixo un tal Eduardo Galeano: “moita xente pequena, nun lugar pequeño, facendo cousas pequenas podemos cambiar o mundo”.

 


Vanessa Orjales Martínez

domingo, 2 de noviembre de 2025

MANDILÓNS E GLAMOUR

 

A miña nai tiña unha colección de mandís. Estaban prendidos dun gancho na cociña. Poñíaos para calquera tarefa que puidera manchar a roupa e rifábanos cando nós non o faciamos. Tiña unha gran habilidade para atalos e desatalos e nunca saía á rúa con eles postos. Penso que era un xesto de coquetería herdado da miña avoa, á que nunca vin saír á porta da casa en zapatillas.

Quizá por iso me chamou a atención comprobar como no mundo rural galego as mulleres da idade da miña nai, e por suposto as máis maiores, levaban postos de xeito case perenne mandilóns. Poñíanos pola mañá e quitábanos pola noite. Ou esa é a miña impresión.

Mandilóns de cadros atados no costado ou abotoados por diante. Mandilóns de loito de alivio, en branco e negro, ou doutras cores, azuis, verdes, vermellos, marróns..., sempre combinados co branco.

Foto:Marta Sueiras Martínez

Maruxa ofreceuse a comprarme un na feira dos xoves pero eu quiteille a idea da cabeza. Confeseille que era unha prenda que non me gustaba e que prefería o mandil.

Nunca me gustaron os mandilóns, tampouco cando tiña que levalos á escola. Daquela eran de raias brancas e celestes. Cando lles tocou aos meus fillos os mandilóns eran de cores atrevidas, con grandes botóns e mesmo coa posibilidade de bordar os seus nomes. Eran alegres e prácticos a un tempo.

Estes días, entre o funesto panorama de noticias, atopo unha que me alegra a mañá. Incrédula ante o titular “Os mandilóns das avoas galegas emocionan na pasarela de París”. Abro o enlace para saber máis.

A firma italiana sorprendeu na Semana da Moda cunha colección inspirada nos mandilóns e batas de flores das mulleres traballadoras e rurais do sur de Europa. Eleva á categoría de luxo os mandís de cadros, as batas cruzadas e os estampados domésticos, reinterpretando o uniforme cotián de tantas avoas.

A proposta, entre o utilitario e o sentimental, rende homenaxe á tradición, á tenrura e á resiliencia das mulleres que fixeron do traballo e o coidado a súa bandeira. Un xesto que transforma o cotián en moda, e o íntimo en arte.”

Miro as fotos e sorpréndeme gratamente o que vexo. 

Mandilóns de cores ácidas e tamén pasteis, floreados e con motivos varios, con transparencias, con volantes, de coiro e mesmo con pedrería. Mandilóns con sandalias, con botas, con zocos ou con zapato pechado. Mandilóns para ir á oficina, de festa, de cóctel... informal pero ben vestida.

Se pensas que un mandilón non ten nada de glamour agarda a ver a colección primavera-verán 2026 na rúa e mesmo tes que cambiar de criterio.

E pensándoo mellor, voulle tomar a palabra á miña sogra! Direille que cando chegue o bo tempo que si, que me merque un mandilón na feira do xoves. E a ser posible que sexa de cores vivas e con flores.

Pero hai unha dúbida que me inquieta. Saberei levalo coa elegancia innata coa que o levaban, e aínda levan, tantas entregadas mulleres?

 

Dolores Asenjo Gil

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas