![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Lavadoiro da Feira
Supoño que esa afección miña tan arraigada de ver correr a auga levoume a percorrer a aldea seguindo a localización dos lavadoiros. Sorprendeume a cantidade deles e o seu bo estado de conservación. E o maxín, que ás veces vai por libre, fixo unha asociación extravagante entre San Claudio e Santiago de Compostela. Que poden ter en común esta pequena aldea e a capital de Galicia?
Hai algúns anos en Santiago xurdiu un novo negocio que se expandiu axiña coma cando envorca a aceiteira enriba do mantel. Falo das lavandarías automáticas. Establecementos con ringleiras de lavadoras e secadoras que funcionan con moedas. Nunha cidade que recibe milleiros de peregrinos coas roupas sucias e suadas as lavandarías tiñan que triunfar. Logo moitas delas tiveron que pechar, pero iso xa é outra historia.
E é na cantidade de lavandarías en Santiago e de lavadoiros públicos en San Claudio onde está o estraño vínculo de conexión.
No meu percorrido atopeime con catorce lavadoiros, aínda que outrora había máis. Algúns foron retirados ou soterrados e outros non aturaron o paso do tempo. A meirande parte deles son de cemento. Construcións funcionais adaptadas ao enclave no que as instalaron.
Estes elementos etnográficos, testemuño da nosa historia recente, merecen cando menos estar sinalizados. Unha sinxela indicación que nos faga pousar as nosas miradas neles e que nos lembre o útiles que foron noutro tempo.
Propóñovos unha ruta circular, co inicio e final na igrexa de Santa María, para coñecelos ou lembralos, segundo o caso de cada quen. Imos aló!
Encomezamos polo lavadoiro de Tras do Río, abaixo do Cristo. Volvemos ata á Feira e atopámonos co seu lavadoiro con teito, fonte con dous canos e flores sementadas a carón. Desde alí imos ao de Faxín de Abaixo.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Continuamos cara a Prumadelos, onde temos unha bonita vista sobre a ría, e á Capela e baixamos ao lavadoiro do Río do Ferreiro, que ten a peculiaridade de estar cuberto cun teito de madeira con forma poliédrica. Seguimos polo Curro adiante ata á Bodeguiña e alí imos ata a Fonte da Pena co lavadoiro co mesmo nome.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Desandamos o andado e encamiñámonos ata Goimel. Rodeado de felgos, hedras e musgo atopamos o lavadoiro. Un pío rectangular de pedra rodeado de lastras e lousas. É un recuncho precioso que ben merece a andaina.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Volvemos á Bodeguiña e seguimos cara a Sixto onde nos desviamos ata o Páxaro e tras a primeira casa atopamos o lavadoiro. Tamén ten pío de pedra e catro grandes lastras arredor.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Seguimos subindo pola pista e chegamos ao de Campo de Souto, un pouco engulido pola vexetación.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Volta a baixar ata Sixto e subimos ao seu lavadoiro cun gran pío cadrado.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Continuamos pola pista cara á Rocha e no Francés está o lavadoiro da Fonte do Casal. Nel vin un cepillo e un anaco de xabón proba de que, aínda que sexa circunstancialmente, segue a ter uso.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Logo seguimos dirección a Carreira Cavada e xiramos á esquerda ata chegar a Carballo de Boi, que ten o lavadoiro máis aló das casas.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Volvemos á Rocha e collemos a pista ata á Caioga. O lavadoiro atopámolo cincuenta metros río arriba e semella unha balsa de forma irregular.
Continuamos ata O Lagar e subimos ata O Graibo.
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Xunto ao camiño atópase o seu lavadoiro. Antes era máis grande, pero cando se fixo a pista houbo que sacrificarlle un anaco. Hai que volver a baixar ata O Lagar e continuar cara a igrexa. Antes de chegar a ela toparémonos co lavadoiro do Orxado, que daba auga ao muiño de Andrés de Pepa.
Agardo que gocedes da camiñada.
por Dolores Asenjo Gil
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
![]() |
| f.: Dolores Asenjo |














