O pasado sábado 2 de Marzo a nosa Asociación Centro Cultural Libro Vivo de San Claudio organizou no Escolar unha gran foliada, este día casi chegamos ó cento de persoas de moitos lugares da nosa comarca e das comarcas veciñas, que como ben dixo o noso presi “somos os actuais moradores dos antigos territorios de Trasancos, Lapatiencos e Arros nomes antigos do que hoxe son os concellos de Ferrol, Naron, Valdoviño, San Saturnino, Neda, Fene, Cerdido, Cedeira, Moeche, Cariño, As Pontes, Mañón e Ortigueira; e a todos nos une unha historia en común”.
![]() |
| Cartaz: Carlos Cheda |
Unhas verbas que nos emocionaron a todos porque xuntos facemos a historia do noso pobo.
![]() |
| Foto: Alfredo Rodríguez |
Durante a tarde tivo lugar un obradoiro de instrumentos impartido por Emilio Romero Fabal, donde participaron un total de 14 persoas na construcción dun pandeiro cadrado.
A partir das 21 h deu comezo a gran foliada, contamos coa presenza de moi bos músicos e bailaríns:
• As Escolas de canto, pandeireta e baile de Libro Vivo de San Claudio
• SC Airiños do Carrís de Cerdido
• Desmuiñadas do Ventoeiro da AVV de Labacengos
• Os netos do Escribano
• Os Carecos
![]() |
| Foto: Alfredo Rodríguez |
O presidente tamén quixo agradecer ós nosos amigos Os Carecos e felicitalos polo seu desinteresado apoio á cultura musical e social.
Antes de dar comenzo á foliada libre había que repoñer forzas para o que se serviu xamón cocido cortado a coitelo con "delicadeza", chourizos, patacas cocidas, pan e pastelón. Finalmente degustamos un rico café que nos recompuxo a todos para continuar coa troula ata ben entrada a madrugada.
A cantina estivo a tope (cousa rara), onde o licor café voou e o grifo da caña non daba abasto, pode dar fe esta servidora.
Durante a foliada libre, onde os protagonistas foron os músicos e os bailaríns, que cantaron e bailaron hasta ben entrada a noite, chamou a atención a cantidade de xente que había, de tódalas idades, pero quen destacou por encima de todos foron as nenas bailadoras, que sabían moitos puntos de baile e non tiñan reparo ningún en iniciar o mesmo.
![]() |
| Foto: Alfredo Rodríguez |
Finalmente o presidente quixo “agradecer ós membros da directiva desta Asociación, ós socios, e a tódolos que asistiron á foliada sen ser socios, e amosaron o seu incondicional apoio a este tipo de actos. Facemos moito se queremos e nos unimos nos proxectos comúns. Non facemos nada se nos dividimos e non compartimos, se pensamos só no noso, de xeito individual, e non no de todos.
As portas do escolar están abertas ó mundo da cultura da Comarca, e por ende, á de Galicia”.
Vanessa Orjales


.jpg)


