miércoles, 6 de marzo de 2024

CEA DE ENTROIDO 2024

 

O pasado sábado 24 de Febreiro celebramos a cea de entroido en San Claudio, que como xa sabedes, é posiblemente a cea máis importante do ano para a Asociación Centro Cultural Libro Vivo por afluencia de xente, xa que aproximadamente un cento de persoas se reuniron para cear e celebrar o entroido disfrazados. 

Cartaz: Alfredo Rodriguez Pereira

De menú para a cea serviuse o tradicional cocido: de 1º prato sopiña de cocido que case se tiña a culler de pé do sustanciosa que era, de 2º o cocido coa súa orella, fuciño, costela, touciño, chourizo, acompañado de patacas cocidas, grelos e garavanzos e finalmente de postre orellas e freixós. Todo isto acompañado do seu bolo de pan e regado con viño do país, auga e refrescos, para rematar e antes de dar paso ós sorteos e entrega de premios degustamos un cafeciño con seus licores de rigor.

Este ano a temática eran os contos infantís e cada quen usou a súa imaxinación para cumprir con tal requisito.

Houbo gran variedade de disfraces:

    5 carapuchiñas vermellas: unha ía soa, unha có lobo, unha coa avoa, unha coa avoa e co lobo e unha coa avoa, o cazador e o lobo disfrazado de avoa.

    3 de Peter Pan: un con Campaiña e o capitán Garfio, un con Campaiña e a nena perdida e un con Campaiña, Wendy, Xoan queridiño, Miguel queridiño e o capitán Garfio.

    Os 3 porquiños, aínda que só viñeron o lobo e un dos porquiños.

    Minnie Mouse.

    O Rei Arturo: con un cabalo desbocado que non había maneira de controlalo.

    A ratiña presumida.

    A frautista de Hamelin: coa súa frauta dirixía a 5 ratiños.

    O monstro de cores: representando as emocións de alegría, enfado, calma e amor.

Houbo os correspondentes premios para os mellores disfraces e máis orixinais:

 En categoría infantil:

    1º premio: Icía de campaiña

    2º premio: Vera de lobo disfrazado de avoa

    3º premio: Fabián de Peter Pan

En categoría adulta:

    1º premio: O monstro de cores (familia Díaz-Orjales)

    2º premio: A frautista de Hamelin (familia Villar-Chao)

    3º premio: A ratiña presumida (a nosa queridísima Cañí)

Veredicto levado a cabo por un xurado neutral e con criterio, como non podía ser doutra forma. 

Foto: Mari Carmen Vale doce

A continuación realizouse o sorteo de dúas cestas típicas do entroido e os afortunados foron: Gelita e Graciela. Parabéns! e esperamos que disfrutedes de tódalas delicias de primeira categoría que lles tocaron. 

Para amenizar este gran evento acompañounos o Dúo Caramelo que ademáis de repartir os premios, cantaron hasta ben entrada a madrugada, ata que os bailaríns acabamos extenuados de tanta coreografía. Menos mal que sobraron algo de orellas e freixós para repoñerse do meneo corporal. 

                                                Video: Roberto Meizoso Montero

Foi unha noite espectacular a pesar do que chovía fóra, pasámolo en grande e disfrutámolo ó máximo. Como sempre digo, é un orgullo pertencer a esta parroquia nosa de San Claudio.

 

Vanessa Orjales

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas