viernes, 5 de abril de 2024

PEREGRINAXE A PORTAS 2024

O día 23 de Marzo de 2024 uns valentes desta asociación decidiron acudir á chamada dos nosos curmáns da A.I.R. La Devesana e peregrinar á Romería da Virxe de Portas, para logo confraternizar cun xantar por todo o alto. 

Cartaz: Rafael Lombardero

Puxémonos en marcha ás 8:00 PM saíndo da nosa sede no escolar de San Claudio preparados para o que fixera falta.

Foto: José Luis Bellas

 Tras un percorrido de 9 kilómetros, metro arriba metro abaixo, chegamos á Devesana onde nos agardaban os nosos anfitrións para ofrecernos un petisco e  poder seguir a andaina ata Portas esta vez acompañados por varios socios da S.I.R. La Devesana.

Foto: Alfredo Rodríguez

  De novo nos poñemos en marcha, despois duns duros 5 kilómetros podemos apreciar a paisaxe que rodea o santuario da Virxe De Portas (aínda que houbera menos eucaliptos non pasaba nada) e visitamos os arredores deste fermoso lugar, o muíño, a fervenza, a santiña, onde algún debía estar ofrecido.

Foto: Alfredo Rodríguez

 Non podiamos irnos sen entrar no santuario e como non, participar da ceremonia e do rosario que neses momentos se estaba rezando, iso sí, non conseguimos adiviñar en que misterio ían.

Foto: José Manuel Pazos

Rematados os actos relixiosos procedemos a retornar de novo á sede da S.I.R. La Devesana, andando por suposto, para comezar cos actos laicos, "O XANTAR". Comenzamos cuns refrixerios a modo de sesión vermut xa que durante a andaina, que con todas as bromas foron arredor de 20 kilómetros, perdemos moito líquido e non se pode xogar con esas cousas que logo veñen os desmaios e o centro médico estaba moi lonxe, para seguir co tan agardado xantar onde degustamos uns callos que farían resucitar a algún morto e dos que non nos escondimos algúns recuncando varias veces, un codillo que non precisa comentarios e, como estaba o codillo! todo regado co seu correspondente viño e auga. Para rematar degustamos un roscón de Giz que do fresco que estaba esfiañábase só e ata daba pena comelo, acompañado dun cafeciño que levantaba o misterio.

Foto: Alfredo Rodríguez

Só podo ter palabras de agradecemento do trato dispensado cara nós pola xente da "Devesana" definindo a xornada como diría un famoso toureiro:

"en dúas palabras im precionante"

Aquí podedes ver os valentes despois do xantar, menos mal que non voltamos andando senón é posible que algún, no que un servidor se inclúe, podería vir rodando.

Foto: Alfredo Rodríguez

E para rematar a nosa xornada, como non podía ser doutra forma, os presidentes das dúas asociacións S.I.R. La Devesana e ACC Libro Vivo despedíronse prometendo non tardar moito en repetir o acto.

Foto: Alfredo Rodríguez


Alfredo Rodríguez










jueves, 4 de abril de 2024

DIA DA MULLER TRABALLADORA 2024

 

San Claudio homenaxea a ‘Teresa do Gaiteiro’ polo Día da Muller Traballadora


Cartaz: Carlos Breixo Rodríguez

San Claudio rendeu homenaxe o pasado sábado 9 de marzo a Teresa do Gaiteiro. A piques de facer 90 anos, a figura de Teresa Gómez Luaces serviu tamén para render tributo a todas aquelas mulleres que foron e son “exemplo” e “modelo de superación e fortaleza no medio dunha sociedade que non lles foi propicia, na que non sempre podían opinar e, moito menos, decidir”. 

Foto cedida por Victor Pereira Gómez

Así o expresou Carlos Breixo, Cronista oficial do Concello de Ortigueira e presidente de Libro Vivo, na introdución dun texto que trazou a vida “dunha muller traballadora e nacida e forxada para dalo todo polos seus”. Unhas palabras lidas ante un auditorio ateigado —arredor dun cento de persoas no escolar de San Claudio— por un dos fillos da homenaxeada, Víctor, o menor dunha lista de oito descendentes aos que se engaden quince netos e outros tantos bisnetos, moitos deles representados neste acto.

Foto: Ivan Rodríguez Pereira

“Este ano vai por ti, Teresa”, expresou Libro Vivo, que a través de fotografías, documentos e vídeos quixo repasar a vida dunha muller e servir tamén como recoñecemento a “todas as mulleres traballadoras” que, coma ela, son e foron “un exemplo vital” para a parroquia de San Claudio e para o mundo enteiro.

Foto cedida por Victor Pereira Gómez

Amigos e amigas, veciñanza e familiares acudiron a un acto emocionante, onde o alcalde de Origueira, Valentín Calvín, uniuse tamén ao recoñecemento a Teresa por parte do consistorio municipal e que serviu para que moitos dos e das presentes lembrasen anécdotas e historias dos Gaiteiros, de San Claudio e dunha muller protagonista —unha de tantas en Galicia— que foi exemplo de esforzo, constancia, traballo e cariño. 

Foto cedida por Victor Pereira Gómez

Unha ollada tamén ao labor de lañado das sardiñas e de venda de peixe que tanto definiu e marcou a vida de Teresa e de Chente, o seu marido, e de toda a súa familia, que aínda presume, lembra e reivindica ese traballo ante o arrecendo das brasas e o sabor dunha boa lañada. Ou ante o son do corno que facían tocar para anunciar a chegada da camioneta co peixe.



Un percorrido pola súa vida e a dos seus antergos. Un repaso ao seu camiño e a unha sociedade que tantos atrancos supuxo en plena ditadura para ela e tantas coma ela. Unha homenaxe que desta vez foi para Teresa pero que puido ser e será para moitas nais, avoas e bisavoas. Para moitas mulleres traballadoras, fortes e exemplares que deron todo cando recibían moito menos do merecido.

                                Foto cedida por Dolores Pereira Gómez

Foi, neste caso, para a miña avoa. Velliña, pero lúcida, que aínda preguntou nada máis acabar o acto se os pinchos chegaran para todos e todas. Que seguiu lembrando, cunha memoria prodixiosa, un lote de anécdotas, nomes e lugares. Que deu as grazas, como as dou eu, un dos seus netos, por tanta lembranza, datos, recoñecemento e agarimo. En nome de toda a súa familia. E de Teresa e de todas as mulleres traballadoras que foron e son exemplo. Como o é Libro Vivo e o seu labor por non esquecer de onde vimos. Graciñas.

Foto cedida por Dolores Pereira Gómez


Miguel Pardo Pereira




CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas