San
Claudio homenaxea a ‘Teresa do Gaiteiro’ polo Día da Muller Traballadora
![]() |
| Cartaz: Carlos Breixo Rodríguez |
San Claudio rendeu homenaxe o pasado sábado 9 de marzo a Teresa do Gaiteiro. A piques de facer 90 anos, a figura de Teresa Gómez Luaces serviu tamén para render tributo a todas aquelas mulleres que foron e son “exemplo” e “modelo de superación e fortaleza no medio dunha sociedade que non lles foi propicia, na que non sempre podían opinar e, moito menos, decidir”.
![]() |
| Foto cedida por Victor Pereira Gómez |
Así o expresou Carlos Breixo, Cronista oficial do Concello de Ortigueira e presidente de Libro Vivo, na introdución dun texto que trazou a vida “dunha muller traballadora e nacida e forxada para dalo todo polos seus”. Unhas palabras lidas ante un auditorio ateigado —arredor dun cento de persoas no escolar de San Claudio— por un dos fillos da homenaxeada, Víctor, o menor dunha lista de oito descendentes aos que se engaden quince netos e outros tantos bisnetos, moitos deles representados neste acto.
| Foto: Ivan Rodríguez Pereira |
“Este ano vai por ti, Teresa”, expresou Libro Vivo, que a través de fotografías, documentos e vídeos quixo repasar a vida dunha muller e servir tamén como recoñecemento a “todas as mulleres traballadoras” que, coma ela, son e foron “un exemplo vital” para a parroquia de San Claudio e para o mundo enteiro.
| Foto cedida por Victor Pereira Gómez |
![]() |
| Foto cedida por Victor Pereira Gómez |
Unha ollada tamén ao labor de lañado das sardiñas e de venda de peixe que tanto definiu e marcou a vida de Teresa e de Chente, o seu marido, e de toda a súa familia, que aínda presume, lembra e reivindica ese traballo ante o arrecendo das brasas e o sabor dunha boa lañada. Ou ante o son do corno que facían tocar para anunciar a chegada da camioneta co peixe.
Un percorrido pola súa vida e a dos seus antergos. Un repaso ao seu camiño e a unha sociedade que tantos atrancos supuxo en plena ditadura para ela e tantas coma ela. Unha homenaxe que desta vez foi para Teresa pero que puido ser e será para moitas nais, avoas e bisavoas. Para moitas mulleres traballadoras, fortes e exemplares que deron todo cando recibían moito menos do merecido.
| Foto cedida por Dolores Pereira Gómez |
Foi, neste caso, para a miña avoa. Velliña, pero lúcida, que aínda preguntou nada máis acabar o acto se os pinchos chegaran para todos e todas. Que seguiu lembrando, cunha memoria prodixiosa, un lote de anécdotas, nomes e lugares. Que deu as grazas, como as dou eu, un dos seus netos, por tanta lembranza, datos, recoñecemento e agarimo. En nome de toda a súa familia. E de Teresa e de todas as mulleres traballadoras que foron e son exemplo. Como o é Libro Vivo e o seu labor por non esquecer de onde vimos. Graciñas.
![]() |
| Foto cedida por Dolores Pereira Gómez |
Miguel Pardo Pereira

.jpg)
.jpg)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario