lunes, 21 de abril de 2025

TEMPO DE PAIXÓN

 

Este ano fíxose esperar, pero chegou. Sempre chega, aínda que as datas bailan entre o mes de marzo e o de abril. A Semana Santa non segue o calendario gregoriano senón o lunar por iso non se celebra nunha data fixa. As datas virán determinadas pola primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera.

Todos agardamos a súa chegada por razóns diversas pero igualmente válidas. Pode ser o fervor relixioso, o mantemento dunha tradición cultural ou simplemente o goce duns días de asueto.

O máis vistoso da Semana Santa son as súas procesións declaradas de interese turístico internacional en moitas cidades e vilas. En Galicia temos dúas con esta cualificación: a de Ferrol e a de Viveiro.

Nas procesións, dependendo do lugar, prevalece o silencio e o recollemento ou o alborozo de tambores, bombos e cantos. En todo caso, mestúrase o respecto pola representación da morte de Cristo coa arte, a beleza, a música e o colorido dos traxes dos confrades e das flores que adornan os pasos. É un espectáculo solemne que enche as rúas de persoas devotas e agnósticas.

Foto: Maite Asenjo Gil

As imaxes, algunhas con séculos de historia, o compás dos confrades, o aroma da cera e das flores fai que a emoción ou a admiración brote de forma espontánea.

A Semana Santa como todo acontecemento importante, agás aqueles que se presentan sen avisar, ten un período previo de preparación, a coresma. Un lapso de tempo consagrado á reflexión, ao arrepentimento e á mellora persoal, que vai dende o mércores de Cinsa ata o xoves Santo.  

Un período no que outrora practicábase o xaxún e a abstinencia de comer carne os venres. Hoxe predícase outro tipo de xaxún relacionado con áreas máis persoais. Xaxún de egoísmo, de insensibilidade, de competitividade e da comodidade dunha vida fácil.

A Semana Santa é tamén unha época propicia para as vacacións. Este ano non fun á miña terra e botei en falta toda a larpeirada que acostumamos comer nestas datas. Anhelei as roscas fritas, tenras e suaves, que facía miña nai; os pestiños que se ofrecen en calquera panadaría ou pastelaría; os borrachuelos e o leite frito que tan ben lle saían a Cruz e mesmo as improvisadas torradas para aproveitar o pan reseso. 

E decateime de que un abano semellante de lambonadas cómese aquí xusto antes da coresma, no entroido. Orellas, filloas, flores, chulas... son a sobremesa dos suculentos cocidos.

En verdade facemos o mesmo aquí e aló só que en tempos distintos.

Aquí collemos forzas ante a coresma para afrontar, coma fan os grandes mamíferos que hibernan, as privacións que caracterizaban ese período de reflexión e penitencia.

E aló, na miña Granada, repoñemos forzas dos xaxúns e das frugais comidas que se facían en coresma noutros tempos.

Lembro con especial cariño os xoves santos da miña infancia. Na casa, tras asistir ao oficio do lavado de pés, agardábanos un chocolate quente con roscas fritas. Case que sinto o seu recendo.

Dende tempos inmemoriais os humanos recorremos á comida para as nosas celebracións. A través dela expresamos moitas emocións, incluídas a tristeza e o dó. E a Semana Santa non ía ser unha excepción.

A miña opinión é que hai que ser respectuoso coas tradicións culturais, sobre todo se son tan saborosas. 

Dolores Asenjo Gil

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas