Este
ano fíxose esperar, pero chegou. Sempre chega, aínda que as datas bailan entre
o mes de marzo e o de abril. A Semana Santa non segue o calendario gregoriano
senón o lunar por iso non se celebra nunha data fixa. As datas virán
determinadas pola primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera.
Todos
agardamos a súa chegada por razóns diversas pero igualmente válidas. Pode ser o
fervor relixioso, o mantemento dunha tradición cultural ou simplemente o goce
duns días de asueto.
O máis
vistoso da Semana Santa son as súas procesións declaradas de interese turístico
internacional en moitas cidades e vilas. En Galicia temos dúas con esta
cualificación: a de Ferrol e a de Viveiro.
Nas
procesións, dependendo do lugar, prevalece o silencio e o recollemento ou o
alborozo de tambores, bombos e cantos. En todo caso, mestúrase o respecto pola
representación da morte de Cristo coa arte, a beleza, a música e o colorido dos
traxes dos confrades e das flores que adornan os pasos. É un espectáculo
solemne que enche as rúas de persoas devotas e agnósticas.
Foto: Maite Asenjo Gil
As
imaxes, algunhas con séculos de historia, o compás dos confrades, o aroma da
cera e das flores fai que a emoción ou a admiración brote de forma espontánea.
A Semana
Santa como todo acontecemento importante, agás aqueles que se presentan sen
avisar, ten un período previo de preparación, a coresma. Un lapso de tempo
consagrado á reflexión, ao arrepentimento e á mellora persoal, que vai dende o
mércores de Cinsa ata o xoves Santo.
Un
período no que outrora practicábase o xaxún e a abstinencia de comer carne os
venres. Hoxe predícase outro tipo de xaxún relacionado con áreas máis persoais.
Xaxún de egoísmo, de insensibilidade, de competitividade e da comodidade dunha
vida fácil.
A Semana
Santa é tamén unha época propicia para as vacacións. Este ano non fun á miña
terra e botei en falta toda a larpeirada que acostumamos comer nestas datas.
Anhelei as roscas fritas, tenras e suaves, que facía miña nai; os pestiños que se ofrecen en calquera
panadaría ou pastelaría; os borrachuelos
e o leite frito que tan ben lle saían a Cruz e mesmo as improvisadas torradas
para aproveitar o pan reseso.
E
decateime de que un abano semellante de lambonadas cómese aquí xusto antes da
coresma, no entroido. Orellas, filloas, flores, chulas... son a sobremesa dos
suculentos cocidos.
En
verdade facemos o mesmo aquí e aló só que en tempos distintos.
Aquí collemos
forzas ante a coresma para afrontar, coma fan os grandes mamíferos que
hibernan, as privacións que caracterizaban ese período de reflexión e
penitencia.
E aló, na miña Granada, repoñemos forzas dos xaxúns e das frugais comidas que se facían en coresma noutros tempos.
Lembro con especial cariño os xoves santos da miña infancia. Na casa, tras asistir ao oficio do lavado de pés, agardábanos un chocolate quente con roscas fritas. Case que sinto o seu recendo.
Dende tempos inmemoriais os humanos recorremos á comida para as nosas celebracións. A través dela expresamos moitas emocións, incluídas a tristeza e o dó. E a Semana Santa non ía ser unha excepción.
A miña
opinión é que hai que ser respectuoso coas tradicións culturais, sobre todo se
son tan saborosas.
Dolores
Asenjo Gil
No hay comentarios:
Publicar un comentario