lunes, 15 de noviembre de 2021

O Club de Lectura comenta "O País de Nós", de Manuel López Foxo

 

                    O Club de Lectura celebrou en Novembro do 2021 o 30º aniversario da edición do libro O País de Nós, que pode lerse na Biblioteca do Escolar de San Claudio.


    Entre os anos 1990-1991, Manolo vai publicando semanalmente na Voz de Ortigueira entrañables artigos (46) que posteriormente don David Fojo recollería nun fermoso libro, con ilustracións a plumilla do amigo Álvaro Fdez. Polo, o mellor artista que temos na comarca, espléndido fotógrafo e por derriba silencioso.

    O libro que fala da nosa terra e da nosa xente, saíu do prelo o día 30 do mes das castañas (1991), un tempo no que as mazás do faiado saben a gloria e tamén se xuntaba a xente para esfollar as espigas de millo e arar a terra para sementar o millo. Presenta un prólogo de Anxo Rosende, mais no remate podemos ler que o impulsor foi Pepe Riola, home de largas barbas e enorme corazón, a quen apreciamos de veras, que mallou en Manolo ata que o puxo de novo a escribir.

    Non vou citar aquí o índice completo de artigos, entre os que encontramos: O San Martiño, As festas do Nadal, Torre de Lama, San Marcos, A Pedra Formosa de Espasante, A Imprenta Fojo, A prensa local, A tradición musical de Ortigueira ou Os difuntiños, que moita nostalxia crea en min, seguramente polas lembranzas dos tempos idos.

    López Foxo, “un animal político” -dixera Antonio Rivera-, naceu na Rocha (San Claudio) no ano 1960, levou a cabo un amplo labor cultural cando foi Concelleiro polo BNG. Foi fundador da A.C. Ramón Cabanillas, Coordinador da Universidade Popular de Ortigueira e Presidente de Edicións O Paporroibo, cuia sede tiñamos en Randamil.

    Ten numerosas publicacións, As Letras Galegas na Voz de Ortigueira, Ortigueira na Cultura Galega, Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde, Real Sitio ou a conquista das liberdades e o extraordinario poemario Cómaros de mel e rosas, que leva dous prólogos, un do profesor José Luis Sampedro (que tivemos entre nós pola Universidade Popular) e outro do seu grandísimo amigo o poeta Manuel María. O libro está editado por Paporroibo (1995) e impreso en Gráficas Neira (Viveiro), naqueles tempos añorados dos “Anos de Ouro” da movida ortigueiresa.

    Comprometido co nacionalismo galego, foi concelleiro e portavoz municipal do BNG entre os anos 1987-1992. A finais do 93 entrou a traballar na oficina parlamentar do BNG na Deputación da Coruña, onde sigue. Na actualidade vive na Terra de Trasancos, está casado coa poetisa Medos Romero, e ven ata A Rocha, visitar a Chicha, súa nai.


domingo, 14 de noviembre de 2021

Castañas, noces e mel (no libro "O País de Nós", 1991)

 

f.: Victoria Díaz Castañeira

Mari Cruz Sabio, con Manuel López Foxo, na biblioteca do Escolar de San Claudio, en novembro de 2021, cando se cumpriron 30 anos da edición do “O País de Nós”.

CASTAÑAS, NOCES E MEL

(Artigo de Manuel López Foxo, editado no libro: O PAÍS DE NÓS, Imprenta Fojo no ano 1991).


    No Outono as árbores vanse espindo amodiño e pouco a pouco van mostrando o seu corpo, as súas pólas e os seus froitos, e deixando caer as súas follas, e todo en Outono vai collendo a cor amarela, ouridourada. Nunca a Natureza é tan marabillosa como no Outono, e creo que tampouco tan extraordinariamente rica. No tempo este temos uvas, peras, figos, mel, castañas, noces, mazás en sazón… e faise o viño e o membrillo… e recóllense as fabas e, posteriormente as espigas de maínzo. E áranse as restrebas para botar o nabal, ábrese a terra para sementar as aveas e os nabos. E nos xantares é soberano o caldo de nabizas.

    O Outono tamén trae orballadas, mañás bretemosas, días tépedos, tardes sereas, noites frías, e trae, así mesmo, o primeiro vento, un vento que as veces tira ao chan o millo que ten aínda a folla toda, o cenceno.

    Entre as festas importantes do Outono figuran as de san Froilán, as de san Martiño, as de san Andrés e as das san Lucas de Mondoñedo. Mais a festa por excelencia é, naturalmente, o magosto, a festa que se fai arredor do lume, con castañas e viño novo. Non é unha festa de moitedumes, senón unha esmorga de amigos e de veciños, e sobretodo de mozas e mozos. O magosto é un rito, é a consagración dos primeiros froitos do outono.

    Dende os tempos máis antergos, os castiñeiros, igual que os carballos, forman parte da paisaxe europea. Disque foron os romanos os que trouxeron esta árbore a Galiza. Fora quen fora, os castiñeiros estendéronse por toda a xeografía galega. Ano tras ano o noso país foise cubrindo de soutos. Pero o chamado mal da tinta rematou cunha boa parte destas árbores a comezos do século XX.

    A ese mal sumouse tamén a tala masiva destas vellas e nobres árbores. Hoxe todo son eucaliptos. No noso municipio, o mesmo que en toda Galiza, quedan cada vez menos castiñeiros. Iso si, quédannos os topónimos que indican claramente a presenza destas árbores na nosa paisaxe.

    Aí temos o Souto, en Mera de Baixo, Barbos e Luía, o Souto e o Soutiño, en san Salvador de Couzadoiro, Riba do Souto, en San Cristobal, Soutomoro, en Loiba, Soutonovo, en Mera de Riba, ou o lugar de Campo de Souto, en san Claudio. De todos eses soutos de outrora, a min o que me resulta máis entrañable é o souto do tío Xan de Mouriños, un souto que nunca os meus ollos viron, pero do que sempre escoitei falar, desde neno, a miña aboa Lola.

    O froito do castiñeiro foi un elemento esencial na dieta alimenticia durante séculos, e non só aquí, senón en todas as zonas montañosas europeas. As castañas dan moito xogo na cociña. Pódense comer de mil maneiras: crúas, asadas, cocidas, con leite, no caldo, en dóce, no cocido, moídas e feitas pan e até fritas en aceite. Eu prefíroas no caldo, asadas e, por suposto, neses exquisitos dóces chamados “Marrón Glacé”.

    Outro produto outonal é a noz. En Galiza houbo, así mesmo, miles e miles de nogueiras. Agora xa van quedando poucas. Un parente noso que temos no lugar de Veluz, en Mera de Baixo, agasallounos este Outono cunhas noces grandes coma puños.

    As noces son moi ricas, tanto soias como acompañadas de nata e mel. Nesta comarca temos os lugares de A Nogueira, nas parroquias de san Salvador de Couzadoiro e san Claudio, O Nogueiro, en Senra, Tamén en Cuíña e san Cristobal de Couzadoiro.

    Do San Martiño e a Feira do Mel na praza vella, falaremos outro día. Rematamos cunha fermosa cantiga:

    Señora María, señor Manuel, castañas asadas e viño con mel”.



Club de Lectura - "O País de Nós"

  

f.: Victoria Díaz Castañeira

O País de Nós rematárono de imprentar os artesáns Francisco Xosé Fraga e Emiliano Loureiro, no obradoiro FOJO, no mes das castañas do ano 1991. O autor, na foto, non volveu a lelo dende aquela data.


    O sábado, 13 de novembro do 2021, envolto en follas, pero follas de papel, sacamos dun cesto de outono unha chuvia de palabras sobre o libro O País de Nós, de Manuel López Foxo, que este mesmo mes cumpre 30 anos da súa edición, feita polo recordado e querido don David Fojo Salgueiro, que con tanto mimo e primor coidaba os libros cos que nos agasallaba.

    Do cesto saíu unha pomba, Suriña, que voou dende o Campo da Torre ata o Cantón e trouxo no peteiro uns versos do seu pai, o poeta Laureano Álvarez, o gran esquecido na cultura ortigueiresa.

    E logo falou David, unha folla tenra, que nos lembrou a feira do San Marcos, a matanza do porco que tanto o abraiaba cando viña de Suíza e o Antroido cunhas coplas que nos fixeron rir.

    Mary Cruz, coa súa sensibilidade habitual, tocou unha bela sinfonía: “A tradición musical en Ortigueira”, magnificamente sintetizada en dúas páxinas, que rematan dicindo: “Ortigueira, palabra e música, non sería nada sen todo iso”, pero tamén trouxo uns riquísimos bombóns.

    Fina escolleu o texto máis íntimo do libro: “Os defuntiños”, que nos lembra a morte da avoa, o camiño ao camposanto, a friaxe dos mortos e o tránsito ao máis alá entre as flores e o delicado canto dos gorrións.

    Chente, como non podía ser doutro xeito, lembrouse dos vellos oficios, do cesteiro Agustín que traballaba con suma delicadeza o vimbio, e do que trouxo unha mostra para agasallar ao autor, que a cada momento ía recordando tempos pasados.

    Luli, dado o lugar onde se reúnen os membros do Club de Lectura, no edificio do Escolar de San Claudio, quixo facerlle un guiño a “A arquitectura escolar dos indianos”, comentando o gran problema que teñen este tipo de institucións para acadar subvencións e reparar as desfeitas que fai o paso do tempo.

    Marta, que vive en Cedeira, pero que naceu en San Claudio, e que caeu unha vez polas escaleiras da escola, falou das feiras, das casetas da feira e da urxencia de reparalas para que non caia todo nunha pila, un debate que se puxo derriba da mesa e que non chegou a acordo.

    Andrés, que se criou entre a fariña e as artesas, lembrou a primeira amasadora de pan que chegou á súa casa. “O forno e a fornada”, o rico arrecendo a pan quentiño e o gustoso fricasé que preparaba Chicha, a nai de Manolo, tódolos anos para festexar a matanza do porco.

    Loli, reivindicativa como sempre, defendeu os vellos camiños. “Hai camiños que levan á fin do mundo e todos deberíamos percorrelos ò menos unha vez na vida”, que é o lema da súa empresa. Tamén entrou na polémica que se traen os nosos políticos locais entre sí: “Que se camiño do mar, que se camiño do Norte, que se historias peregrinas de non poñerse dacordo e andar en liortas que a nada conducen”. Confesouse partidaria de que o camiño de Santiago que pasa pola nosa comarca se lle chame, Camiño do Mar.

    Vitoria decantouse por ler a carta que Foxo lle escribira no seu día a don Álvaro  Cunqueiro, algo que o autor non lembraba ter feito… Aproveitou Manolo para falar da admiración que sentía por el e de que se algún galego merecía ter acadado o premio Nóbel, era o seu señor de Mondoñedo, cidade rica en pan, augas e latín.

    Rematou a conversa Leandro, un rapaz de San Claudio, amigo da infancia de Manolo, fillo de Agustín do Castellano e de María de Ladrido que podía cantar catro horas seguidas ducias de cancións e panxoliñas de Nadal. Vivían no Francés.

    Foi unha velada chea de sentimento e lembranzas dos tempos pasados, na que non esquecemos a Antonio Rivera, a Pepe Riola, que porfiaba cada día para que Manolo escribira e se deixara de tanta política, a Álvaro Fdez. Polo, o magnífico ilustrador do libro con debuxos a plumilla que con minuciosos trazos compón imaxes que reproducen anacos de realidade, pero engadíndolles un aquel de misterio que só logran os grandes creadores, tal como di Anxel Rosende no prólogo. Por certo a portada do libro é unha casa do Ermo, no lugar de Pereiro.

    A tarde outonal non deu para máis, pero abofé que o grupo aínda falaría toda a noite rememorando aquela vida de hai trinta anos cando éramos semente de cultura e agromaba en Nós o afán de facer un mundo mellor.

    Grazas a Manolo pola súa presenza e por agasallar aos asistentes cos seus últimos libros publicados, tamén deixou varios exemplares para as Bibliotecas de Ortigueira e San Claudio.

Luli Dopico (Novembro 2021)



CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas