![]() |
| f.: Victoria Díaz Castañeira |
O sábado, 13 de novembro do 2021, envolto en follas, pero follas de papel, sacamos dun cesto de outono unha chuvia de palabras sobre o libro O País de Nós, de Manuel López Foxo, que este mesmo mes cumpre 30 anos da súa edición, feita polo recordado e querido don David Fojo Salgueiro, que con tanto mimo e primor coidaba os libros cos que nos agasallaba.
Do cesto saíu unha pomba, Suriña, que voou dende o Campo da Torre ata o Cantón e trouxo no peteiro uns versos do seu pai, o poeta Laureano Álvarez, o gran esquecido na cultura ortigueiresa.
E logo falou David, unha folla tenra, que nos lembrou a feira do San Marcos, a matanza do porco que tanto o abraiaba cando viña de Suíza e o Antroido cunhas coplas que nos fixeron rir.
Mary Cruz, coa súa sensibilidade habitual, tocou unha bela sinfonía: “A tradición musical en Ortigueira”, magnificamente sintetizada en dúas páxinas, que rematan dicindo: “Ortigueira, palabra e música, non sería nada sen todo iso”, pero tamén trouxo uns riquísimos bombóns.
Fina escolleu o texto máis íntimo do libro: “Os defuntiños”, que nos lembra a morte da avoa, o camiño ao camposanto, a friaxe dos mortos e o tránsito ao máis alá entre as flores e o delicado canto dos gorrións.
Chente, como non podía ser doutro xeito, lembrouse dos vellos oficios, do cesteiro Agustín que traballaba con suma delicadeza o vimbio, e do que trouxo unha mostra para agasallar ao autor, que a cada momento ía recordando tempos pasados.
Luli, dado o lugar onde se reúnen os membros do Club de Lectura, no edificio do Escolar de San Claudio, quixo facerlle un guiño a “A arquitectura escolar dos indianos”, comentando o gran problema que teñen este tipo de institucións para acadar subvencións e reparar as desfeitas que fai o paso do tempo.
Marta, que vive en Cedeira, pero que naceu en San Claudio, e que caeu unha vez polas escaleiras da escola, falou das feiras, das casetas da feira e da urxencia de reparalas para que non caia todo nunha pila, un debate que se puxo derriba da mesa e que non chegou a acordo.
Andrés, que se criou entre a fariña e as artesas, lembrou a primeira amasadora de pan que chegou á súa casa. “O forno e a fornada”, o rico arrecendo a pan quentiño e o gustoso fricasé que preparaba Chicha, a nai de Manolo, tódolos anos para festexar a matanza do porco.
Loli, reivindicativa como sempre, defendeu os vellos camiños. “Hai camiños que levan á fin do mundo e todos deberíamos percorrelos ò menos unha vez na vida”, que é o lema da súa empresa. Tamén entrou na polémica que se traen os nosos políticos locais entre sí: “Que se camiño do mar, que se camiño do Norte, que se historias peregrinas de non poñerse dacordo e andar en liortas que a nada conducen”. Confesouse partidaria de que o camiño de Santiago que pasa pola nosa comarca se lle chame, Camiño do Mar.
Vitoria decantouse por ler a carta que Foxo lle escribira no seu día a don Álvaro Cunqueiro, algo que o autor non lembraba ter feito… Aproveitou Manolo para falar da admiración que sentía por el e de que se algún galego merecía ter acadado o premio Nóbel, era o seu señor de Mondoñedo, cidade rica en pan, augas e latín.
Rematou a conversa Leandro, un rapaz de San Claudio, amigo da infancia de Manolo, fillo de Agustín do Castellano e de María de Ladrido que podía cantar catro horas seguidas ducias de cancións e panxoliñas de Nadal. Vivían no Francés.
Foi unha velada chea de sentimento e lembranzas dos tempos pasados, na que non esquecemos a Antonio Rivera, a Pepe Riola, que porfiaba cada día para que Manolo escribira e se deixara de tanta política, a Álvaro Fdez. Polo, o magnífico ilustrador do libro con debuxos a plumilla que con minuciosos trazos compón imaxes que reproducen anacos de realidade, pero engadíndolles un aquel de misterio que só logran os grandes creadores, tal como di Anxel Rosende no prólogo. Por certo a portada do libro é unha casa do Ermo, no lugar de Pereiro.
A tarde outonal non deu para máis, pero abofé que o grupo aínda falaría toda a noite rememorando aquela vida de hai trinta anos cando éramos semente de cultura e agromaba en Nós o afán de facer un mundo mellor.
Grazas a Manolo pola súa presenza e por agasallar aos asistentes cos seus últimos libros publicados, tamén deixou varios exemplares para as Bibliotecas de Ortigueira e San Claudio.
Luli Dopico (Novembro 2021)

No hay comentarios:
Publicar un comentario