jueves, 22 de diciembre de 2022

ARTESANÍA SONORA

 

    As campás foron as redes sociais de outrora. As súas voces, coñecidas e familiares, difundían a alegría, anunciaban dor ou avisaban dos perigos. Tod@s as oían e entendían a súa mensaxe. Sabían interpretar o ton e a cadencia dos seus sons: se repicaban ou volteaban era sinal de contento, se tocaban a rebato era advertencia dunha ameaza e se dobraban era porque un veciño se fora para sempre.

    Aló polos anos sesenta comenzaron a instalarse sistemas eléctricos para facelas falar. Un signo de modernidade que, por fortuna, ainda non chegou ata a igrexa de Santa María de San Claudio. As súas campás, dende que se instalaron no ano 1898 segundo reza no terzo da máis grande delas, sempre foron tocadas manualmente. Ata agora non faltaron unhas mans dispostas a extraer a súa esencia e esparexela por rúas e carreiros.


f.: J. Carlos Breijo Rodriguez

CAMPANARIO DA IGREXA DE SANTA MARÍA DE SAN CLAUDIO

    Descoñezo se as dúas campás foron feitas polo mesmo artesán, pero de ser así é evidente que non puxo o mesmo agarimo no traballo. A campá grande loce fachendosa inscripcións e debuxos mentres a pequena carece de todo adobío. Mesmo a cor das súas roupas é distinta. A grande ten unha pátina vermellón destinxida e a da pequena é gris con máculas verdes. É coma se unha levara vestido de delicada seda e a outra de rudo algodón.


f.: J. Carlos Breijo Rodriguez

CAMPÁ GRANDE DA IGREXA DE SANTA MARÍA DE SAN CLAUDIO


    Dende fai algún tempo só se escoitan as badaladas da grande. Ben por imperfeccións do metal ou ben como chamada de atención, movida pola carraxe dos celos ante trato tan desigual, o borde da campá pequena fendeu e dende entón garda silencio.


f.: J. Carlos Breijo Rodriguez

CAMPÁ PEQUENA DA IGREXA DE SANTA MARÍA DE SAN CLAUDIO

    O 30 de novembro de 2022 a UNESCO declarou o toque manual de campás patrimonio inmaterial da humanidade. Este recoñecemento oficial é un pulo para salvagardar esta práctica ancestral que se atopa co problema do relevo xeracional d@s campaneir@s.

    Propoño un brinde, nestas datas tan propicias para facelo, por todas esas mans espalladas polo mundo adiante que co seu saber facer mantiveron viva esta linguaxe musical. Mans que arrancan cóxegas ao metal para que as súas risas anuncien festas, casamentos ou natalicios e tamén laios para despedir aos que marchan. Mans que engaden o seu chisco de sal e pementa e fan sons únicos. Mans artesáns.

    As campás forman parte da banda sonora das nosas vidas e @s campaneir@s son os pincha discos que saben accionar a súa alma. E que así sexa por moitos anos.


Dolores Asenjo Gil


No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas