miércoles, 14 de diciembre de 2022

Recitando con Lastra no Club de Lectura

f.: Iván Rodríguez


    O sábado día dez de decembro, tivemos a oportunidade e a sorte de escoitar en San Claudio o particular Retorno sen volta do galardoado autor Xosé Lastra Muruais, que foi quen de mergullarnos a todos e facernos partícipes do seu universo e contrastes poéticos. Tamén contamos ca presenza das súas fillas Xiana -ca que foi coautor de dúas obras- e Minia, que completaron con interesantes anécdotas o seu percorrido vital.

    Nado na Pontenova, marchou con 9 anos a Ribadeo estudar o Bacharelato, para volver con 15. A día de hoxe, aínda regresa sempre que pode ás súas raíces. Con seis anos mandárono estudar piano, pero o del era a lingua, e acabou sendo mestre e director en distintos colexios de Educación Primaria. Foi de feito un membro activo da normalización lingüística para o ensino, e deunos unha idea de como se traballa un dicionario -no seu caso foi coordinador editorial do Xerais da lingua-, matizando que na literatura galega ao longo de moitos séculos non había normas, e que houbo que redactalas e divulgalas. Explicou que se fixo un xigantesco traballo de recuperación non só do que se falaba, senón tamén do que se escribía nas orixes. E que nos séculos escuros, o galego quedou reducido a ser unha lingua practicamente sen expresións cultas. Non é agora o caso, pero incidiu en que a lingua galega está en real perigo e que hai que coidala e defendela entre todos.

    A selección de poemas é a de toda unha vida en diferentes espazos temporais, dende unha excursión no alto do Tibidabo, onde se inspirou contemplando Barcelona -en 'Anacos'- mentres quedara cun rapaz que partira unha perna, ata a súa casa de Caranza mirando o mar e dando pé á poesía 'Domingo pola tarde' e ese estado de semi desesperación no que se atopa un, sen saber moi ben qué facer.

    Tamén comentou outras fermosas entradas do poemario, que os membros do club foron recitando entusiasmados, coma 'Badaladas', que xurdiu dunha fin de ano de hai moitos anos. No poema 'Nena', a protagonista é filla de mariñeiros. 'Nai', que ten tres partes, non é quen de rematalo, pola emoción. No caso de 'Distancia', faise referencia á súa etapa catalá coma mestre en Terrasa. Ou 'Pesadelo', no que se pode establecer un paralelismo coa guerra de Ucraína. O tema do suicidio é abordado no poema 'Rapto', que foi modificado para unha canción. 'Don outono' tamén consta dunha versión en forma de canto, cancións que foron maxistralmente interpretadas pola súa filla Xiana, e as cales nos compartiu seu pai co seu dispositivo móbil.

    Pódese dicir, en resumidas contas, que a súa primeira incursión no mundo da poesía foi un rotundo éxito, na forma e no fondo. E a súa compañía, unha verdadeira delicia. Xosé é un escritor cheo de sentimento pola súa terra, apaixoado pola súa lingua e ateigado de lembranzas pola súa inesquecible compañeira de viaxe, Marga, que lembramos con tristura.

    Desexamos poder contar con el para a súa futura produción literaria, que ten prevista para este inverno tan pretiño xa de comezar. Neste caso vai ser un relato en prosa que está rematando, e tamén o agardamos como participante de excepción para as vindeiras tertulias do Club de Lectura de Ortigueira.

por David Rodríguez


Próximo libro a ler: Pola Alma de Luli Dopico

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas