Dende hai uns anos escrebe microrrelatos e textos breves de temática variada, gañou varios premios e este verán deléitanos cun libro onde recompila varias publicacións dos seus escritos en galego que nos engaiolan pola súa temática tan variada como o abano de inquedanzas que a levan a mergullarse na problemática da sociedade actual, sen esquecer as imaxes de onte que bulen no seu maxín.
Moitos dos seus relatos deixan en nós un pouso de rebeldía contra os sucesos de violencia doméstica, como é Apertas traizoeiras, ou o de Unha chamada a destempo, que fala da indiferenza dos fillos que se decatan, cando xa é tarde, de que alguén agarda unha chamada telefónica para seguir vivindo…
Cun ton ás veces retranqueiro fala do paso do tempo, da enfermidade, do cambio climático… problemas cos que convivimos habitualmente e que non nos son alleos.
Son trinta e dous escritos ao longo de varios anos que agora ven a luz, cunha amalgama mesturada de sentimentos e delicadas vivencias que fan de fío condutor. Noventa páxinas cheas de tenrura e beleza nas que remata agradecendo ao seu home, Juan, o pequeno dicionario galego-castelán que un día lle regalou para que fose aprendendo a nosa lingua. Tamén da as grazas aos seus fillos, Marcos e Claudia (autora da portada), por ser para ela unha constante fonte de inspiración.
Noraboa por esta entrega da nosa veciña, que recibimos con entusiasmo, recomendando a súa lectura neste verán.
por Luli Dopico


No hay comentarios:
Publicar un comentario