![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Chegaramos cedo, así que eliximos un bo sitio para ver o desfile das nacións celtas, ou das bandas de gaitas que é como popularmente se coñece. Ata este ano, no que o festival se alongou, o paseo sincronizado das bandas polas rúas de Ortigueira era a o peche da programación.
Familias con pequen@s, persoas maiores e outras de mediana idade, entre as que me conto, agardabamos na beirarrúa da avenida das Pontes. Botábase en falta máis xente nova, pero os horarios nocturnos e diúrnos en cuestións festeiras acostuman a ser incompatibles.
O día lucía estupendo para o evento: ceo azul, airexa e un sol vergoñoso. Segundo o programa desfilarían un total de dez grupos encomezando pola Escola de Gaitas de Ortigueira. Escóitanse os primeiros sons e as cámaras dos teléfonos xa están dispostas para capturar melodías, traxes de veludo e un saber facer ancestral. Dubido entre facer foto ou gravar vídeo e cando me decido só consigo rexistrar o son xa marchando e aos integrantes da escola de costas. Coa Banda de Gaitas do Ortegal xa o teño claro e quedo satisfeita coa gravación. Toca a Banda de Ladrido e miro o ceo, que semella un mar, e decátome da presenza dun peixe estraño. É un dron de voo vagaroso, seguramente da organización do festival. Advirto que o aparello tamén chama a atención das gaivotas. Unha parella delas fai un voo de inspección con círculos cada vez máis estreitos pero gardando unha distancia prudencial. Logo, outras dúas gaivotas substitúen ás primeiras coma se as pescudas que aquelas fixeran precisaran ser confirmadas. Unha das gaivotas aproxímase un pouco máis, aínda que temorosa, e retrocede rápido. Non me custa empatizar coas pobres palmípedes e coas preguntas que de seguro lles asaltan: de que familia será este estraño exemplar? É unha ameaza para nós?
De súpeto o son inconfundible das bombardas da Bretagne francesa faime volver ao desfile. Coa enleada das gaivotas perdinme a Banda de Gaitas Abelladeira, a Asociación Cultural Saiñas de Xove, Airiños de Fene, o Grupo Folklórico Trebeyu e a Banda de Gaitas La Laguna de Torollu. O desfile péchao a banda escocesa que escoito e miro coa atención que non puxen nas súas predecesoras.
Por sorte o desfile é de ida e volta e dáme unha segunda oportunidade na que non se me ocorre alzar a cabeza ao ceo por se as gaivotas seguen coa súa teima. Dende a avenida Escola de Gaitas contemplo o programa completo e alégrome ao ver a un meniño que toca o tamboril e a unha meniña a pandeireta. A continuidade da música celta está garantida!
por Dolores Asenjo Gil

No hay comentarios:
Publicar un comentario