![]() |
| f.: Dolores Asenjo |
Peliqueiros no entroido
Xa vén o entroido!
Aínda non estamos recuperados dos excesos de Nadal e xa enchemos as nosas despensas de fariña, azucre e ovos para as larpeiradas propias do entroido. Orellas, filloas, rosquillas e flores encherán as sobremesas dentro de nada, pois co adeus a xaneiro comeza a conta atrás. Nestas datas lémbrome de Evanxelina. Gustábanlle tanto as filloas que comíaas en calquera época do ano.
Por que será que todo o celebramos coa comida? A gastronomía e as festividades van tan acompasadas coma a alegría e a danza. Iso é así en case todas as culturas, pero penso que quizais no noso pobo é un chisco máis esaxerado.
Non obstante, o característico do entroido é a posibilidade, efémera pero real, de ser quen queiramos. Podemos transformarnos nun súper heroe ou heroína, nun animal mitolóxico, nunha árbore, nun edificio emblemático ou emular a esa persoa que tanto admiramos, xa sexa deportista, do mundo da farándula ou alguén relevante na historia, por dicir algo.
E a aqueles que van todo o ano disfrazados, que non son poucos, permítelles por uns días mostrarse tal e como son.
Esa é a maxia do entroido! Gocémola.
por Dolores Asenjo Gil

No hay comentarios:
Publicar un comentario