Caravel de aire
Na Bodeguiña gustan das flores e por iso as hai de moitas variedades e cores para poder gozar delas case todo o ano.
Sempre hai unhas mans prestas a renovar a terra, botarlles abono ou regalas. Logo as plantas devolven con creces esas atencións cun estalido de cor e ás veces tamén de recendo.
Pero hai unha planta totalmente desatendida. A pobriña non ten nin testo que a acubille coma os brazos dunha naiciña. Pendurada dun cravo coma un chapeu esquecido abanéase na fachada. Non recibe ningún mimo e mesmo así non se queixa e medra. Semella cousa de meigas. A planta é unha bola dun verde esvaecido e chámase caravel de aire. Cando florece bota unhas flores pequenas e discretas cor vainilla. Do aire toma o alimento e a humidade que precisa e aínda que pareza incrible luce espléndida e cada ano gaña volume.
E unha idea tola pásame pola cabeza. Que nalgunha desas prestixiosas universidades estranxeiras ou mesmo nas nosas que, sen ter tanto renome contan con investigadores de primeira liña, fixeran un estudo sisudo sobre o caravel de aire. Que estudaran o seu ADN e conseguiran extraer a molécula, proteína, encima ou como queira que se chame a substancia milagreira desta planta. E que de súpeto a infertilidade das terras, as pragas, as vagas de secas e inundacións que provocan malas colleitas deixaran de inquietarnos. E que a palabra fame nos abandonara.
Con estas andrómenas miñas case corto o dedo en lugar das patacas! Pero estaría ben que a ciencia nos fixera máis respectuosos co medio e tan humildes coma o caravel de aire.
Dolores Asenjo Gil

No hay comentarios:
Publicar un comentario