A FOULA QUE BAILA NO AIRE
O pasado domingo 4 de maio do 2025 na sala Garufa de A Coruña, despois de barrelas calles cunha rosiña de abril-e, Os Carecos presentaron o seu esperadísimo 1º disco titulado “FOULA”, que significa po miúdo e livián que se ergue do chan cando alguén pasa, traballa ou (aí vén o mellor) cando se bota unha boa foliada.
![]() |
Portada disco "Foula" de "Os Carecos" |
![]() |
Contraportada disco "Foula" de "Os Carecos" |
Os Carecos para a pouca xente que non o saiba son 6: Samuel, Diego e Carlos á voz, pandereta e resto de percusión tradicional; Antonio á percusión tradicional; Serafín ó acordeón e Alberto á gaita e ó clarinete. Dende Cariño ata Mañón pasando por Ortigueira e dando a volta por Fene, a música de Os Carecos resoa en toda Galicia pasando polo Carballiño, Ribadavia, Elviña, Sequeiros, Vilabalde, Caión e rematando en Tristimil onde viven as nenas fermosas “con ese pelito rizo que le baja por la cara”.
![]() |
Foto de Nuria Ramos |
Como teloneiras actuaron As Cantareiras da A.C. Son d'aquí (A Coruña) facendo máis amena a espera para ver ós nosos amigos, que fixeron un cheo absoluto con entradas esgotadas nun tempo récord porque ninguén se quixo perder tal acontecemento histórico e tan importante para Os Carecos e para os seus seguidores, que tanto tempo levábamos esperando este día. Un soño feito realidade, un soño que foi posible grazas á financiación colectiva de máis de 200 persoas que comprando discos, calcetíns, camisetas, gorros, padeiretas e entradas para este evento en apenas 10 días xuntamos más de 8.500 euros, suficientes para a creación do seu 1º disco físico; composto de 12 cancións + 1 panxoliña de regalo; 3 delas acompañados da incrible Sheila Patricia e 1 canción acompañados do inigualable Edelmiro Fernández.
![]() |
Foto de Nuria Ramos |
O disco ten unha gran variedade musical tradicional galega composta por maneos, xotas e muiñeiras sen olvidarse de Palmira e de Tristimil e por suposto da Aldeíña das Cortellas.
O torreiro da sala Garufa levantaba foula imaxinaria; ese día pasou algo máxico e único, e moi difícil de describir, había que estar alí para vivilo. Os ollos da xente brillaban de orgullo e tiñamos o peito inchado ó recoñecer e ó escoitar o gran traballo que estaban estreando os nosos amigos Os Carecos.
![]() |
Foto de Nuria Ramos |
Cada aplauso, cada berro, cada baile, cada emoción foron para arroupar e animar a estes amigos artistas que se aventuraron neste camiño de publicar o seu 1º traballo en formato físico. A nosa Asociación Centro Cultural Libro Vivo da aldeíña de San Claudio está moi orgullosa de dar voz e apoiar a estes rapaces, e de ver como se forma foula alá onde eles tocan boa música tradicional.
O próximo concerto é o día das Letras Galegas, o sábado 17 de maio no Bar Queiro ás 23:04h; as entradas están a piques de esgotarse así que bulide por elas.
![]() |
Merchandising "Os Carecos" |
Por Vanessa Orjales

.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)

No hay comentarios:
Publicar un comentario