A miña nai tiña unha colección de mandís. Estaban
prendidos dun gancho na cociña. Poñíaos para calquera tarefa que puidera
manchar a roupa e rifábanos cando nós non o faciamos. Tiña unha gran habilidade
para atalos e desatalos e nunca saía á rúa con eles postos. Penso que era un xesto
de coquetería herdado da miña avoa, á que nunca vin saír á porta da casa en
zapatillas.
Quizá por iso me chamou a atención comprobar como no
mundo rural galego as mulleres da idade da miña nai, e por suposto as máis
maiores, levaban postos de xeito case perenne mandilóns. Poñíanos pola mañá e
quitábanos pola noite. Ou esa é a miña impresión.
Mandilóns de cadros atados no costado ou abotoados por
diante. Mandilóns de loito de alivio, en branco e negro, ou doutras cores,
azuis, verdes, vermellos, marróns..., sempre combinados co branco.
![]() |
Foto:Marta Sueiras Martínez |
Maruxa ofreceuse a comprarme un na feira dos xoves pero
eu quiteille a idea da cabeza. Confeseille que era unha prenda que non me
gustaba e que prefería o mandil.
Nunca me gustaron os mandilóns, tampouco cando tiña que
levalos á escola. Daquela eran de raias brancas e celestes. Cando lles tocou
aos meus fillos os mandilóns eran de cores atrevidas, con grandes botóns e
mesmo coa posibilidade de bordar os seus nomes. Eran alegres e prácticos a un
tempo.
Estes días, entre o funesto panorama de noticias, atopo
unha que me alegra a mañá. Incrédula ante o titular “Os mandilóns das avoas
galegas emocionan na pasarela de París”. Abro o enlace para saber máis.
“A firma italiana sorprendeu na Semana da Moda cunha
colección inspirada nos mandilóns e
batas de flores das mulleres traballadoras e rurais do sur de
Europa. Eleva á categoría de luxo os mandís
de cadros, as batas cruzadas e os estampados domésticos, reinterpretando
o uniforme cotián de tantas avoas.
A proposta, entre o utilitario e o sentimental, rende homenaxe á tradición, á tenrura e á
resiliencia das mulleres que fixeron do traballo e o coidado a súa
bandeira. Un xesto que transforma o cotián en moda, e o íntimo en arte.”
Miro as fotos e sorpréndeme gratamente o que vexo.
Mandilóns de cores ácidas e tamén pasteis, floreados e
con motivos varios, con transparencias, con volantes, de coiro e mesmo con
pedrería. Mandilóns con sandalias, con botas, con zocos ou con zapato pechado.
Mandilóns para ir á oficina, de festa, de cóctel... informal pero ben vestida.
Se pensas que un mandilón non ten nada de glamour agarda
a ver a colección primavera-verán 2026 na rúa e mesmo tes que cambiar de
criterio.
E pensándoo mellor, voulle tomar a palabra á miña sogra!
Direille que cando chegue o bo tempo que si, que me merque un mandilón na feira
do xoves. E a ser posible que sexa de cores vivas e con flores.
Pero hai unha dúbida que me inquieta. Saberei levalo coa
elegancia innata coa que o levaban, e aínda levan, tantas entregadas mulleres?
Dolores
Asenjo Gil

Gracias Loli por esta nova e excelente achega. Claro que o vas saber levar, e a Maruxa váslle aledar o día. No mercado dos xoves, na vila de Santa Marta, están desexosos por vendelos e téñenos de todas as cores e modelos. Unha fermosa lembranza de recoñecemento a nosas nais, avoas e ás mulleres que fixeron o traballo da casa e máis o de fóra, que merecen un monumento, con mandilón ou mandil que, ademais, tiñan petos onde gardar algúnha cousiña para darnos ós meniños. Grazas e parabéns. Feliz día. Carlos.
ResponderEliminar