 |
| f.: Victoria Díaz Castañeira |
O País de Nós rematárono de imprentar os artesáns Francisco Xosé Fraga e Emiliano Loureiro, no obradoiro FOJO, no mes das castañas do ano 1991. O autor, na foto, non volveu a lelo dende aquela data.
O sábado, 13 de novembro
do 2021, envolto en follas, pero follas de papel, sacamos dun cesto
de outono unha chuvia de palabras sobre o libro O País de Nós,
de Manuel López Foxo, que este mesmo mes cumpre 30 anos da súa
edición, feita polo recordado e querido don David Fojo Salgueiro,
que con tanto mimo e primor coidaba os libros cos que nos agasallaba.
Do cesto saíu unha
pomba, Suriña, que voou dende o Campo da Torre ata o Cantón e
trouxo no peteiro uns versos do seu pai, o poeta Laureano Álvarez, o
gran esquecido na cultura ortigueiresa.
E logo falou David, unha
folla tenra, que nos lembrou a feira do San Marcos, a matanza do
porco que tanto o abraiaba cando viña de Suíza e o Antroido cunhas
coplas que nos fixeron rir.
Mary Cruz, coa súa
sensibilidade habitual, tocou unha bela sinfonía: “A tradición
musical en Ortigueira”, magnificamente sintetizada en dúas
páxinas, que rematan dicindo: “Ortigueira, palabra e música, non
sería nada sen todo iso”, pero tamén trouxo uns riquísimos
bombóns.
Fina escolleu o texto máis
íntimo do libro: “Os defuntiños”, que nos lembra a morte da
avoa, o camiño ao camposanto, a friaxe dos mortos e o tránsito ao
máis alá entre as flores e o delicado canto dos gorrións.
Chente, como non podía
ser doutro xeito, lembrouse dos vellos oficios, do cesteiro Agustín
que traballaba con suma delicadeza o vimbio, e do que trouxo unha
mostra para agasallar ao autor, que a cada momento ía recordando
tempos pasados.
Luli, dado o lugar onde se
reúnen os membros do Club de Lectura, no edificio do Escolar de San
Claudio, quixo facerlle un guiño a “A arquitectura escolar dos
indianos”, comentando o gran problema que teñen este tipo de
institucións para acadar subvencións e reparar as desfeitas que fai
o paso do tempo.
Marta, que vive en
Cedeira, pero que naceu en San Claudio, e que caeu unha vez polas
escaleiras da escola, falou das feiras, das casetas da feira e da
urxencia de reparalas para que non caia todo nunha pila, un debate
que se puxo derriba da mesa e que non chegou a acordo.
Andrés, que se criou
entre a fariña e as artesas, lembrou a primeira amasadora de pan que
chegou á súa casa. “O forno e a fornada”, o rico arrecendo a
pan quentiño e o gustoso fricasé que preparaba Chicha, a nai de
Manolo, tódolos anos para festexar a matanza do porco.
Loli, reivindicativa como
sempre, defendeu os vellos camiños. “Hai
camiños que levan á fin do mundo e todos deberíamos percorrelos ò
menos unha vez na vida”, que é o lema da
súa empresa. Tamén entrou na polémica que se traen os nosos
políticos locais entre sí: “Que se camiño
do mar, que se camiño do Norte, que se historias peregrinas de non
poñerse dacordo e andar en liortas que a nada conducen”.
Confesouse partidaria de que o camiño de Santiago que pasa pola nosa
comarca se lle chame, Camiño do Mar.
Vitoria decantouse por ler
a carta que Foxo lle escribira no seu día a don Álvaro Cunqueiro,
algo que o autor non lembraba ter feito… Aproveitou Manolo para
falar da admiración que sentía por el e de que se algún galego
merecía ter acadado o premio Nóbel, era o seu señor de Mondoñedo,
cidade rica en pan, augas e latín.
Rematou a conversa
Leandro, un rapaz de San Claudio, amigo da infancia de Manolo, fillo
de Agustín do Castellano e de María de Ladrido que podía cantar
catro horas seguidas ducias de cancións e panxoliñas de Nadal.
Vivían no Francés.
Foi unha velada chea de
sentimento e lembranzas dos tempos pasados, na que non esquecemos a
Antonio Rivera, a Pepe Riola, que porfiaba cada día para que Manolo
escribira e se deixara de tanta política, a Álvaro Fdez. Polo, o
magnífico ilustrador do libro con debuxos a plumilla que con
minuciosos trazos compón imaxes que reproducen anacos de realidade,
pero engadíndolles un aquel de misterio que só logran os grandes
creadores, tal como di Anxel Rosende no prólogo. Por certo a portada
do libro é unha casa do Ermo, no lugar de Pereiro.
A tarde outonal non deu
para máis, pero abofé que o grupo aínda falaría toda a noite
rememorando aquela vida de hai trinta anos cando éramos semente de
cultura e agromaba en Nós o afán de facer un mundo mellor.
Grazas a Manolo pola súa
presenza e por agasallar aos asistentes cos seus últimos libros
publicados, tamén deixou varios exemplares para as Bibliotecas de
Ortigueira e San Claudio.
Luli Dopico (Novembro 2021)