Presentación
do libro na Biblioteca de Ortigueira
Día
26 de abril de 2013
O
presente compendio de poesías ven sendo unha obra ou poemario de
puro sentimento, de pura morriña, ilustrado puntualmente con fotos
dun pasado ao que a autora fai múltiples referencias relativas ao
traballo, ás labores do campo ou ás ferramentas agrícolas. Pero
máis que nada á súa maneira de sentir e vivir a vida, con días
mellores e peores como ben apunta, inclusive os da recente
pandemia.
Mergullándonos
no fondo dos textos de Carmen, atopámonos coa expresión sincera de
moita melancolía, nostalxia, agarimo e amor polos seus devanceiros,
polo seu mañonés lugar de nacemento, ou pola vida e entorno
bucólicos que a rodean dende hai moitos anos nas Neves, e no seu
querido Mañón natal. Ela comparte, a través da poesía, unha
percepción da natureza e da paisaxe que tanto nos chega á alma
sobre todo aos que vivimos na aldea, ou aos que naceron nela. Carmen
sintetiza á perfección esa tranquilidade e esa paz das que tanto
precisamos os seres humanos, e ata os animais -como ben indica ela-,
máis alá do estrés e das presas cotiás, e faino engadindo
maxistralmente esa tristura tan galega, tan "de orballo" e
característica destes lares, do que puido ser e non foi, do moito
que traballaron e loitaron os nosos pais e avós sen poder, moitos
deles, recoller os froitos, das lembranzas e recunchos que xa non son
o que foron, dos soños dun pasado que non volverá, e dun futuro que
quedou para sempre no olvido. Como remata ela mesma no poema Hoxe
(p.21): "As apertas, poucas e frías, que tristes son os nosos
días".
Mais
non todo semella escuro, pesimista e morriñento no seu pensamento,
como cando di máis adiante o de: "Que fermoso é facerse
vello", mirando o aspecto positivo e enriquecedor que nos da a
inexorable experiencia de envellecer.
A
súa poesía enténdese, está moi ben escrita -por moito que diga
que ten poucas lecturas no seu haber..., quen o diría!- e non lle
falta nin sobra nada aos seus poemas para poder conectar con ela e
mailas súas vivencias mediante uns versos que merecen ser lidos e
sentidos coa mesma paixón, entrega e emoción cas que os escribiu.
Recomendámosvos vivamente a todos 'Enfiando sentimentos,
un libro que era o soño da súa vida ter publicado e que a ninguén
deixará indiferente, para ben.
Díxonos
Carmen mentres lía algunhas das súas poesías, (incluída a que lle
dedicou á súa neta, e coa que tanta emoción escoitou a
súa familia, empezando polas súas fillas e súa nai, á
que fai moitas referencias) que a escritora e poetisa pola que máis
tiña respecto era Rosalía de Castro. Outro excelso poeta, Federico
García Lorca, dixo un día que: "A poesía non precisa de
adeptos, precisa de amantes." Podemos confirmar que, abofé,
Carmen Penín é unha delas.
Parabéns
por esta primeira incursión na literatura, e que haxa moitas máis.
![]() |
| f.: Mari Cruz Sabio |
Unha presentación chea de emocións e sentimentos a flor de pel
![]() |
| f.: Mari Cruz Sabio |
PÉ DE FOTO: David R. Morado presentou a Carmen Penín. Na foto vemos a unha filla de Carmen lendo emocionada unha poesía da súa nai.
Por DAVID RODRÍGUEZ MORADO (Club de lectura)


No hay comentarios:
Publicar un comentario