![]() |
| Cartaz: Marta Díaz Painceira |
Organizado pola
Asociación Cultural LIBRO VIVO, o venres, 19 da maio, no Escolar ás seis e
media da tarde, tivo lugar a charla que Manuel López Foxo deu sobre a vida e a
obra do autor homenaxeado este ano, don Francisco Fernández del Riego, unha pequena homenaxe que lembrou o seu paso
por Ortigueira con motivo da Universidade Popular no ano 1990.
Presentou a López Foxo a nosa veciña Pilar, cunhas agarimosas palabras. Falou así:
Presentar a Manolo,
nesta súa casa, é como pechar os ollos, e revivir toda a nosa mocidade e os
tempos en que San Claudio aínda era un verxel, coas súas hortas traballadas e
os lugares cheos de xente.
Vou facer un breve
repaso das súas obras literarias e agradecerlle de corazón que nos achegue á
figura de don Francisco Fernández del Riego, do que é bo coñecedor.
Entre os anos
1990-1991, Manolo vai publicando semanalmente na Voz de Ortigueira entrañables
artigos, que posteriormente don David Fojo recollería nun fermoso libro. O PAÍS DE NÓS.
O libro, que fala da
nosa terra e da nosa xente, saíu do prelo o día 30 do mes das castañas no 1991,
un tempo no que as mazás do faiado sabían a gloria e tamén se xuntaba a xente
para esfollar as espigas de millo e arar a terra para sementar. Un libro
fermosísimo, de recomendada lectura, sobre todo para a xente da parroquia.
Manolo nace na Rocha
no ano 1960, e levou a cabo un amplo labor cultural cando foi Concelleiro polo
BNG. Fundador da Asociación Ramón Cabanillas, Coordinador da Universidade
Popular de Ortigueira, onde como vemos no cartaz, presentou a Fernández del
Riego, na conferencia de clausura. Foi
tamén Presidente de Edicións “O Paporroibo”, libros que temos na nosa
Biblioteca e que fomos lendo no Club de Lectura. Libros que hoxendía son unha
xoia.
Manolo ten numerosas
publicacións: “Prosas Apaixonadas”,“As Letras Galegas na Voz de Ortigueira”,
“Ortigueira na Cultura Galega”, “Os vellos. A memoria da vida e unha cultura
que se perde”, un ensaio sobre o libro de José Luís Sampedro: “Real Sitio ou a
conquista das liberdades” e o extraordinario poemario: “Cómaros de mel e
rosas”. “O pracer de reler” é o seu último libro de momento.
Comprometido co
nacionalismo galego, foi concelleiro e portavoz municipal do BNG entre os anos
1987-1992. A finais do 1993 entrou a
traballar na oficina parlamentar do BNG na Deputación da Coruña, onde sigue. Na
actualidade vive na Terra de Trasancos, está casado coa poetisa Medos Romero, que
é Premio Nacional de Poesía; e hoxe temos o gusto de escoitalo. Grazas, Manolo
por vir a esta túa casa, por encher de cultura este espazo centenario que
espertará en ti moitas lembranzas...
| f.: Iván Rodríguez |
Abofé que foi unha
conferencia preciosa, sen ler ningún papel, a voz de Manolo, a súa prodixiosa
memoria e o saber conectar có público asistente que enchía o local e as
anécdotas que contou, fixeron do día unha tarde máxica e inesquecible.
A charla distendida
de Foxo, foi unha viaxe no tempo pola vida de Fernández del Riego, dende a súa
infancia por terras de Lourenzá, os seus amigos da xuventude entre os que se
atopaba Álvaro Cunqueiro, os estudios en Santiago e Madrid, o paso pola Guerra
Civil, as miserias da posguerra, Presidente da editorial Galaxia, Fundación
Penzol, o traballo realizado en ambas institucións, Partido Galeguista, amigo
dos amigos fosen da ideoloxía que fosen. Toda unha traxectoria vital que o
levou a proclamar “O día das Letras Galegas”, hai xa sesenta anos, e que neste
ano se lle dedican a el con todo merecemento.
A continuación Fina
Balseiro presentou a Bea Luengo, que nos acompañou no acto e que expón as súas
fotografía durante todo este mes no Escolar.
| f.: Iván Rodriguez |
Pilar (i), Fina (ci), Manolo (cd) e Bea (d), momentos antes de comezar o acto.
Bea é unha artista que se deu a coñecer
no noso Concello cando foi a presentación do cartaz para o Festival do Mundo
Celta 2023, que vemos aí exposto, e todos nos preguntamos: Quen é esta moza? Bea é
deseñadora gráfica-editorial e profesora. Vive en Ortigueira,
traballando e unindo a educación, a beleza e o arte.
Graduada en Bellas Artes na Universidade
Complutense de Madrid, no 2014, amplía os seus estudos en Francia, e fai varios
masters de fotografía e profesorado en
Santiago.
Ten participado en varias exposicións colectivas, feiras e festivais, e
queda finalista en varios certames internacionais. No 2018 gana o premio de
publicación “Fotolibro<40”. Tamén presenta o libro e Atlas Ivlia.
E tal como podemos contemplar hoxe aquí, tamén é poeta. Unha graza que poucos
mortais acadan.
A continuación presentou a Diego Pérez, que non puido asistir ao acto por
cuestións de traballo, e que tamén expón en conxunto con Bea.
Todos nos preguntábamos quen será J. Peak, e supoñíamos que era un inglés
que se asentara por aquí. Así firma os seus cadros.
Ata que alguén nos aclarou que
se trataba dun rapaz que tamén escribiu dous libros: Séptima Andaina e a
Muiñeira de Apolo, que temos arriba na Biblioteca. Indagamos no asunto e
encontramos ao autor, a Diego Pérez Dopico.
O curriculum deste mozo tamén é
amplo, estuda Maestría Industrial en Viveiro, Maxisterio na especialidade de
Educación Física na Coruña e Ciencias Relixiosas, carreiras que vai facendo ao
tempo que traballa en diferentes oficios que o levan por varios países
europeos. Recala en Ortigueira, traballa no departamento de Cultura do Concello
e gústalle debuxar aplicando as novas tecnoloxías, pero sobre todo pintar. As
súas obras estiveron expostas na Coruña, no Ortegal e na Mariña de Lugo,
acadando notable éxito.
Rematou Fina cunha frase del: “Traballade o presente para vivir do pasado que o voso futuro é o máis atractivo e a mellor condición para ser feliz”.
f.: Iván Rodríguez |
Seguidamente inaugurouse a exposición fotográfica e pictórica PEL FOGAR, de J. Peak e Bea Luengo.
O Club de
Lectura premiou a Pilar e a Fina por ser as mellores lectoras que acoden
puntualmente á Biblioteca en busca de libros para ler.
| f.: Iván Rodriguez |
Moita xente de San Claudio e da Vila acudiron ao acto, visitaron as instalacións, Biblioteca e Museo, os que non coñecían o recinto quedaron marabillados polo “Centro do Saber”, que agocha tantos tesouros.
![]() |
| f.: Iván Rodríguez |
Cunha degustación
de produtos da terra, remataron os actos do día, que xa quedan para
sempre na memoria dos presentes para gloria e ventura da nosa terra.
Por Luli Dopico


No hay comentarios:
Publicar un comentario