martes, 21 de noviembre de 2023

As plantas fálannos decontino, por Dolores Asenjo

f. Dolores Asenjo

 

    Hoxe decateime de que non queda nadiña para o Nadal. Non foi polas agresivas campañas de publicidade que ensartan sen mesura xoguetes con perfumes. Non, á televisión case que nin me acerco.

    Tampouco foi polos lineais dos supermercados que de súpeto locen ateigados de turróns, polvoróns, figos, pasas e outras lambetadas propias desas datas. Como ando as présas cando fago a compra levo unha lista e vou a tiro fixo. Deste xeito préstolle pouca atención aos produtos reclamo, estratexicamente colocados para non pasar desapercibidos. Se non están na lista eu nin caso.

    A noticia veume das árbores. Primeiro foi a camelia que hai preto do hórreo, á beira da pista. É a máis madrugadora de todas as da casa, e hai unhas cantas. Xa tiña posto o seu vestido de festa de flores vermellas que a cubría de pés á cabeza.

    Un anaco despois, xunto ao camiño levei o segundo aviso. Deumo un fachendoso acivro que parecía berrarme cos seus abundantes froitos vermellos. Hai mellor adobío para a mesa de Nadal que unha póla de acivro de follas brillantes e bagas vermellón?

    A camelia de cedo e o acivro cargado de froitos mostráronme con sutileza as datas vermellas do calendario de decembro e a obriga pendente de buscar os agasallos.

    E de volta para a casa deume por pensar que as plantas están continuamente enviándonos mensaxes. Aínda que a comunicación para ser efectiva precisa dun receptor, e moitas veces fallamos como tales. Esta vez recibín a mensaxe e xa estou coa lista de regalos.

por Dolores Asenjo Gil


f. Dolores Asenjo


No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas