lunes, 13 de marzo de 2023

Fina Rey Alonso, muller traballadora


Fina celebrando o cumpleanos na súa casa da Rocha

    En Fina cúmprese ao douscentos por cen a sentencia bíblica: Gañarás o pan co suor da túa fronte.

    Naceu traballando e sigue a facelo, non pode estar quieta, que si somar no terreo, sementar as nabizas, poñer as colas, partir leña, rozar as beiras do xardín, camiñar porque lle manda o médico…; en fin, que non para en toda a semana ata o sábado que vai á peluquería para poñerse guapa e ir bailar o domingo na sala de festas Ría de Mera, que moito lle gusta, ademais de ir á misa cando toca, que dende a pandemia solo se celebra unha vez ao mes.

    Por certo, ela foi das primeiras persoas que colleron a COVID, cando aínda non se sabía moi ben de que ía a enfermidade, díxome: «Mira Luli, este bicho está no aire», como efectivamente constataron os científicos ao cabo do tempo, logo de limpar todo canto material tocábamos.


A FAMILIA

    Os avós que lembra son a señora Dolores, por parte de nai, que naceu no lugar do Francés, e a señora Avelina, nai do seu pai, que vivía no Regueiro. Os seus pais, que compraron unha casa en Tristimil, foron Vicente Rey Milia da Nogueira, que traballaba en todo canto se presentaba, venta de peixe, leña, limpeza de montes, e Serafina Alonso Aguiar que facía as labores da casa na que criou once fillos, dos que xa morreron algúns, Maruxa, Teresa, Ignacia, Pepe, Andrés e Luciano, en paz descansen. Con vida quedan Cesáreo, Carmen, Saruca, Loliña e ela, Fina, que naceu o 18 de xaneiro do triste ano do 36, uns meses antes de que recrutaran a seu pai para ir á guerra.


    
    Voda de Fina con Celso (Agosto de 1957)


    Fina casa con Celso Seoane Cora o 17 de agosto de 1957, tiña 21 anos, viven no Ventorrillo, lugar do Río Loureiros, onde rexentaban unha taberna pequena e onde nacen Maribel, Vicente e Carmen María, logo alugan unha casa na Rocha que acabarían comprando e na que vive actualmente, onde nace María José, unha nena de trece anos moi bonita á que atropelou un coche no mes de marzo de 1990 cando ía na bicicleta, unha traxedia que encheu de pena o corazón de Fina.

    Celso traballaba na fábrica de Barrito de Mera, era serrador, pero, aos 18 meses de casar, enfermou. Ela pechou o Ventorrillo (todo eran pufos) e puxéronlle unha becerriña que ía alindar cos fillos nos brazos, criaba porcos e galiñas que vendía nas feiras e cultivaba a terra para vivir. A vida cambioulles un pouco cando lles tocou unha quiniela, entón mercaron unha vaca leiteira na feira de Moeche, tan boa que daba ata 30 litros de leite por día, e daquela tamén compraron unha cociña económica, mellorando moito a vida.

    Como o seu home non podía traballar pola enfermidade, ela empezou ir ao xornal por onde a chamaban, e tres días a semana ía vender no peixe do seu pai que tiña un carro e un cabalo, pero ela ía camiñando, chegando a Axilde, Mera de Riba, Os Casás, Senra, Canavás, cos trinta quilos que pesaba a caixa na cabeza.

    Có tempo foi ela mesma a Cariño mercar o peixe; o seu primo Toñito levábaa en coche ás cinco da mañá, ía cargada de froita que vendía no Porto e volvía vendendo no peixe que compraba na lonxa e así ganaba un pouco máis.


A INFANCIA

    Foi á escola de San Claudio, pouco tempo, a mestra era doña María, «xogábamos ao escondite, a “Jota-Justicia”, e a correr polos campos; no inverno estaba todo enlamado, non había camiños e para ir a igrexa, íamos pola estrada. Non me acordo de ter xoguetes. Xantábamos caldo e se non chegaba botabámoslle pan duro e auga: “papas pegas”. O pan estaba onde non chegábamos, atado nunha táboa alta».

    «Dende moi cativa traballei en varias casas no que se precisaba, na casa de Sira da Ovella, na do señor Pancho, na dos pais de Pilar, no mesón da Feira (fronte ao que hoxe é Casa Rodrigo) con Virucha e Segunda, onde pagaban ben e tiña moitas propinas.»

    «Con doce anos tiven que ir traballar a Senra, na casa non tíñamos onde deitarnos. Papá levoume xunto do mestre don Alfredo Castelos e díxolle que me coidaran como se fora unha filla, e así o fixeron, foron a miña segunda familia, coidáronme como a unha filla máis. Poñíame escola pola noite e ensináronme de todo, que era moi inocente, eles tamén tiñan vaca e eu ocupábame dela.»

    «De Senra saín para casar con Celso, coñeciámonos dende nenos, fomos mozos ano e medio, era moi festexeiro e íamos ao salón de baile de Senra, ao fútbol e logo de casados tamén ao cine.»


A XUVENTUDE

    «Xuventude pouca, todo era traballar, ía as festas de San Claudio: Santa Lucía en maio, en Tras do Río; O Carmen, na Feira, en agosto; Os Dolores, na Rocha, en xullo; en novembro, por tódolos Santos, o San Claudio; e moito me gustaba ir á de Axilde, de merenda, camiñando.»

    «Tamén ir ás feiras, o terceiro domingo de mes aquí en San Claudio, levaba os porcos na carretilla, tíñamos unha porca chamada Cirila e eu acariñábaa, que sempre me gustaron os animais. Á feira viña xente de todos os lados e tamén ía á do 29 en Mera, con galiñas ou o que tivese para vender, aínda que pouco máis daba que para comprar o pan…»


O TRABALLO

    «Levei vida de escrava, traballei sempre para quen me chamaba, na terra e nas casas, coidando xente maior enferma, e feixeando para manter os animais. Tiven unha vaca leiteira que estivo moi enferma, tirouse na corte e foi un drama, o veterinario dicía que había que sacrificala, pero eu deiteime a carón dela, dábame pena, e acariñáballe o pescozo e faláballe, pobriña, pobriña… e resulta que mellorou e aínda deu dúas crías máis, parecía imposible, pero son moi crente e pedíalle a Deus por ela e concedeumo.»

    «Celso quedaba na casa gobernando con Maribel e coidando dos cativos. O pobre morreu de infarto no Hospital Xeneral, corría o ano 1984, quedei viúva con 48 anos. Daquela enfermei dos nervios e empeorei cando foi a desgraza de María José, xa non daba levantado cabeza.»

    «En canto puiden busquei traballo fixo, o de andar ao xorne era moi cansino. Traballei no bar do Muchacho, na casa de Carmiña da Victoria en Ortigueira, nas Palomas, na casa de Pita en Mera, en tódolos sitios me apreciaban moito e estaban contentos comigo. Pola mañá estaba nunha casa e pola tarde ía a outra. Non paraba.»


OS FILLOS


Fina (d) cos tres fillos: Maribel, Vicente e Carmen María


    «Saíron boísimos, traballadores tamén. Dinlles todo o que puiden, ata foron ao Sixto, a unha pasantía. Vicente, que en paz descanse, axiña empezou a traballar de albañil, xogaba ao fútbol, ía entrenar e pola noite preparábao don Avelino para facer a Confirmación. Os xenros tamén me saíron moi boa xente e os netos marabillosos.»

    «Ao longo da vida fun enterrando a persoas moi queridas, e paseino mal, con moita tristeza. Momentos que se veñen a cabeza, pero que tento superar como podo. Disfrutando das fillas, ben casadas, e vendo medar aos netos e aos bisnetos. Na miña pobreza fun saíndo adiante e sempre fun moi relixiosa, Deus foi axudándome a tirar para diante. Coidei aos meus papás con cariño.»


FINA HOXE

    «Xa me ves, vivo ben, de saúde vou tirando, non me queixo, vou bailar os domingos dende que empeza ata que acaba o baile. Gústame ir de excursión, falar coa xente, vivir facendo sopa de letras para activar a memoria, sachar no campo, andar por San Claudio, ir ata Pedroselo ver o mar…; non hai punto de comparación de como vivín a como vivo.»


Fina de nova: unha flor entre as flores

    Ata aquí a conversa con Fina, unha muller que coñecín cando viñemos vivir a San Claudio, á Atalaia (lugar do Francés). Cun muro cativo de por medio fixémonos amigas, tratei de aprender dela a cultivar a terra, ollando como facía, cunha destreza tal que me deixaba abraiada.

    Eu facía un rego e sentábame a descansar media hora, ela deixaba o terreo como unha alfombra en media mañá. Eu plantaba seis pes de tomates e levábaos a chamusquina, ela cultiva sen esforzo e dá xenio ver como se lle dá todo; eu deixei de traballar a terra hai tempo (era unha nulidade) e ela creo que é o último ano que a traballa, segundo me dixo, vai cansada…

    Polo seu traballo, a súa positividade, as súas ganas de vivir, a súa amabilidade, cariñosa e risoña, a pesar dunha vida dura, por esa luz que conserva na mirada, agradecemos e homenaxeamos á nosa veciña como se merece.

    Feliz día da muller traballadora, querida Fina, e a gozar da vida o tempo que nos quede.


por Luli Dopico




Fina con Luli na Atalaya, falando da súa vida (Febreiro de 2023)


No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas