Maruxa cando chegaba da escola ía dereita á fonte da Pena buscar auga fresquiña para o xantar. E volvía máis amodo do que fóra xa que coa sella chea na cabeza non podía facer moitas cabriolas. Logo faría máis viaxes, cun caldeiro en cada man, pois era moita a auga que se precisaba. Auga para o aseo persoal e a limpeza do fogar, para cociñar, tamén para a comida dos de catro patas que había na casa, e para beber. E menos mal que non había que traela para lavar a roupa, pois entón sería o conto de nunca acabar. Esa angueira facíase no lavadoiro que había, e hai, ao pé da fonte. Case tódolos lugares da parroquia tiñan un.
![]() |
| Sella f.: Dolores Asenjo |
Miña nai facía o mesmo traballo a máis de mil
quilómetros de distancia. Ía cun cántaro buscar auga á fonte de tras a igrexa.
Cando había cola pousaba o cántaro e xogaba con outras rapazas; nun tris esquecía
a súa quenda. Só as voces da miña avoa, chamándoa pola ventá, lembrábanlle que
na casa agradaban pola auga. Volvía co cántaro cheo, apoiado na cadeira, e coa
cabeza gacha intuíndo a reprimenda que lle ían botar.
![]() |
| Cántaros f.: Dolores Asenjo |
Cando esas dúas cativas deixaron de selo e formaron
as súas familias as sellas e os cántaros quedaron acornellados. Nas súas casas
xa había auga corrente e pasaron a ser meros obxectos decorativos, unha vez
despoxados da súa utilidade. Pouco despois chegarían as lavadoras,
electrodoméstico venerado por toda unha xeración de mulleres.
Pero noutros recunchos do mundo non hai billas nas
casas. As nenas e mulleres carretan tódolos días caldeiros de auga. Algunhas
teñen que facer longas distancias pois as fontes non están preto. Hai lugares
onde os pozos para atopala cada vez son máis profundos, coma se a auga xogase
ás agachadas. Outras poñen en xogo a súa integridade física polo alto risco de
ser atacadas.
Dende os tempos máis remotos, e ata non hai moito, houbo
un reparto de tarefas por identidade de
xénero. Ao feminino correspondíalle o ámbito doméstico: criar, cociñar, tecer,
limpar, traer a auga... Pero ollo, iso non era traballo, era quedar na casa. Despois alguén tivo a ocorrencia de
chamar as súas labores a esa listaxe interminable de quefaceres sen
dereito a vacacións nin descanso. De profesión as súas labores rezou nos
documentos de identidade de moitísimas mulleres. Miúdo eufemismo!
Mentres o xénero masculino saía fóra do fogar en
busca do sustento. Primeiro traía directamente a carne que cazaba, despois os
cartos para mercala. Os homes traballaban, tiñan un salario e un respecto
social.
En resumo, eles
traían o pan e elas a auga, vasme comparar! ─Dirían aínda hoxe algúns.
Porén os humanos podemos pasar moito tempo sen
inxerir alimentos sólidos, preto dun mes
e medio segundo algunhas folgas de fame documentadas, pero moi pouco sen beber
auga, de tres a cinco días. O noso organismo precísaa para as súas funcións
vitais.
A vida, coma
a auga, tráena as mulleres. Cómpre non esquecelo.
Dolores Asenjo Gil


No hay comentarios:
Publicar un comentario