![]() |
| f.: (cc) Wikipedia / Gran Enciclopedia Argentina. Ed. Ediar. Buenos Airs, 1966 |
(En abril do ano 1992, este artigo saíu publicado no Heraldo de Viveiro. Recordo que me chamara don Luís Neira para felicitarme, daquela a pintora era pouco vindicada e non moi coñecida no seu lugar de nacemento, (Viveiro – 1902) e pedíalle ao alcalde César Aja que se interesara pola súa obra e lle fixeran unha homenaxe. Hoxendía xa vemos que ata se lle dedica un selo de Correo, conferencias, seminarios e varios simposios, a súa figura xa é dabondo tratada. Daquela vivía nunha residencia en Madrid. Faleceu no 1995).
Querida Maruja Mallo: Quero escribirlle esta carta a sabendas de que non a lerá, pero necesito dicirlle moitas cousas e pregoalas ben alto para que as nosas xentes saiban que vostede lavou os xerseis de Marinero en Tierra, no Manzanares de Tierno Galván do que tamén foi amiga.
Non me importa que vostede confunda a realidade que lle tocou vivir con aquelas auténticas festas nas que se disfrazaba de tigresa cun traxe que Pablo Neruda lle trouxera da illa de Java, ou que non lembre cando se vestiu de home para entrar nunha cela do Mosteiro de Silos, ou cando deu dúas voltas ao redor do altar maior da igrexa de Arévalo, pedaleando nunha bicicleta.
Tampouco me importa dicir que lle teño envexa polo bo uso que fixo da vida, vostede foi, por se non se lembra, “la primera sinsombrerista, la primera nudista y una mujer auténticamente libre”, máis libre que a rapaza da cantiga de Amancio Prada: “Ni de Dios, ni de nadie, ni mía siquiera”. Por iso e por motivos de traslado da súa familia se lle quedaron pequeniñas as rúas da cidade onde naceu, levantou voo e pousou en Madrid, logo cando España se volveu fea e cruenta, aniñou na Arxentina e sucou coma un cóndor os Andes do poeta.
Vostede non podía vivir nunha gaiola, coido que de nacer hoxe a súa maxestade sería astronauta.
Estará pensando. ¿Quen será esa que me escribe? Non lle dea voltas, estou totalmente indocumentada para facelo, coñezo moi pouco da súa obra, pero admíroa coma muller e como viveirense. “Recuerdo mi niñez libre y feliz en Galicia, los mercados en la Plaza, tan pintorescos, las romerías tan alegres” , dixo vostede algún día.
![]() |
| f.: Archivo de Luli Dopico / Heraldo de Viveiro |
Non sei si Viveiro é boa nai cos seus fillos e fillas ilustres, quero crer que si, pero tamén sospeito que está dentro dun círculo vicioso que cómpre rachar e vai sendo moita hora de que a recoñezan como é debido, porque forma parte da nosa raizame, da nosa historia local. O 19 de setembro do ano 1991, o día que don Laureano Álvarez (Cronista de Ortigueira) se nos foi camiño de Requeixo, un amigo meu e seu, porque tamén a admira querendo imprimirlle importancia a dor da ausencia, fíxome un agasallo especial, un regalo que perdín e busquei afanosamente, que ata cheguei a enfadarme comigo mesma por ser tan desordenada.
O 19 de marzo, o día que se casan os paxariños, lin na Voz de Galicia un artigo titulado: “La aventura radical de Maruja Mallo”, de Rosario Sarmiento, e non dubidei en escribirlle, pedíndolle toda a información que tivese sobre vostede, que moi amablemente me remitiu.
Teño na mesa o libro de Neruda: Confieso que he vivido, na páxina 166 di así: “¡Aquel Madrid! Nos íbamos yo y Maruja Mallo, la pintora gallega, por los barrios bajos buscando las casas donde venden espartos y esteras, buscando las calles de los toneleros, de los cordeleros, de todas las materias secas de España, materias que trenzan y agarrotan el corazón".
Teño tamén o agasallo, atopado por fin no bolso da praia. É unha pintoresca entrevista aparecida no xornal El País o 12 de setembro do 1981: “MARUJA MALLO LA DIOSA DE LOS CUATRO BRAZOS”, autor Manuel Vicente, dela entresaco o seguinte párrafo: “Probablenete hoy sería una pintora universal si se hubiera quedado en la tertulia del café Place Blanche en Montmatre, para hacer surrealismo en el cuaderno, en vez de regresar a España cuando estaba a punto de comenzar la gran fiesta surrealista de verdad, con toda la sangre puesta”.
A pintora aínda vive en Madrid, ela di que é celta. Foi amiga de Dalí, Picasso, Lorca, Buñuel, Cernuda, Miguel Hernández, Pablo Neruda, Alberto, o escultor que morrería en Moscú logo de que a burguesía da capital cuspise na súa obra. Amiga tamén de Ramón Gómez de la Serna, quen escribiu unha biografía editada na Arxentina, Editorial Losada, da xenial pintora a quen lle dedica unha greguería: “Entre la verbena y el espantajo, toda la belleza del mundo cabe dentro del ojo”. Foi un pouco máis que amiga de Alberti, “le gustaba la pintura y nos veíamos en el Prado, así que al tercer día ya nos pusieron el panfleto encima, pero no quiero hablar de amores”.
![]() |
| f.: Postal editada pola Concellería de Cultura da Xunta de Galicia |
Como non lle vou ter envexa miña lizgaira e feiticeira muller? Que non daría eu por ter unha vida tan intensa?
Nada máis se necesita para vindicar o seu nome, para que unha flor tan fermosa e miúda como vostede, unha paisana de ollos como pombas, autora de tan extensa e preciosa obra pictórica, figure nos anais da historia local con letras de ouro.
Dende estas páxinas do Heraldo quero pedirlle ao alcalde (pola amizade que tivemos cando facíamos que estudábamos), que faga as xestións necesarias, que indague e se interese por Maruja Mallo e a súa obra. Os viveirenses debémoslle unha homenaxe e unha exposición. Talvez un día non lonxano bailaremos todos xuntos nunha “VERBENA” como as que ela pintou, e ollar os balcóns con “ESPANTAPÁXAROS”, como o cadro que lle mercou André Bretón. E poidamos ver como cruza polo ar unha nube espida de algodón ou unha estrela cósmica.
Así será vostede, dona Maruxa, cando retorne á terra onde non deixará de brillar. Será unha filla ilustre, non esquecida neste recuncho á beira do Landro, onde medran divertidas as margaridas, onde rebenta o verán na misteriosa “SORPRESA DE TRIGO”.
De muller a muller, un bico, miña travesa e graciosa señora.
por Luli Dopico



No hay comentarios:
Publicar un comentario