 |
| f.: Iván Rodríguez |
Salas, de verde, é membro activo do Club de Lectura
Aínda que sei que isto
que escribo non é literatura pura, tampouco a historia desta cabana
é a mesma, aínda que poda parecelo, doutras cabanas de calquera
aldea.
Aparte de que forma parte
da vida dunha familia –Salas Martínez- a miña, tamén é a
historia do Sixto e redores. Un xeito de vida a base de dura loita,
estreiteza e tristuras mesturadas e compartidas con ledicia,
satisfacción e agradables lembranzas.
Nesta mesma casa viviron
meus pais –Xosé María e María- e nacemos os cinco irmáns,
Carmen, Lola, Olga, Xosefa, Andrés, máis eu Pepe. Coas estreiteces
lóxicas daquela época, criáronos cun inmenso cariño,
conculcándonos o amor que debe existir dentro da familia.
Honradamente deixáronos a
mellor herdanza que tratarei de transmitir aos meus fillos, Gilberto
e María, mozos xa.
Lembro con moita añoranza
aquelas conversas e consellos, onde non había lugar para a envexa, a
crítica e demais chismorreos.
A nosa casa sempre estivo
aberta e sempre o estará a toda persoa que nos necesite. Recoñezo
que sempre estivemos rodeados de bos veciños.
Retomando a historia da
cabana, se recordar é vivir de novo… Lembremos pois. Sentémonos
no vello carro, ou derriba dos feixes da herba, ulindo o esterco e o
húmido molime.
Entretanto chove miudiño,
ou silva o vento, evoquemos o pasado. Uns tempos lonxanos e sen
embargo, tan preto…
Se estas vellas paredes
puidesen falar hoxe!!!
Aquelas reunións de case
vinte veciños e amigos, ou máis, mesturados cos rapaces que eran
maioría. Moitas veces os maiores liscaban disimuladamente para
deixar que a xuventude falara das súas cousas. Conversas amenas,
senlleiras, relaxantes, adobiadas cun toque de pura malicia.
Falábase do tempo, de ir
mirar das vacas, das mallas, das esfolladas do maínzo. Dos que
marcharan para o estranxeiro ou embarcado na Mariña Mercante. Tamén
se falaba do traballo no monte, cortar madeira, recollida das mazás
para facer sidra, de cómo fora o día na fábrica de Laxe o Amieiro.
Os cativos, Pepe de
Máximo, Quique, máis servidor, dos deberes que tíñamos que facer
na escola de don Antonio.
O que máis me gustaba e
lle prestaba máis atención, era aos comentarios das festas e dos
bailes. Poñía o ouvido á escoita, atentísimo, e os cinco sensos
ao máximo.
Cantos bailes denegados!
Cantas ilusións postas no
seguinte día de verbena!
Cantas mentirixillas entre
as parellas!
Efectivamente as paredes
desta casa terían moito que contar, moitos polvetes interrompidos,
moitos, moitos…
Lembro tamén con
nostalxia as charlas e historias sobre Cuba e a Guerra Civil.
Esaxerábase dabondo, contábanse moitas mentiras. Aseguro que as
paredes e o tellado estaban máis firmes e asentadas que as de agora
mesmo, se non tiveran caído daquela. Que barbaridades!
A vida era diferente, máis
pobre, máis san, de maior conformidade que a actual.
Non había tanto egoísmo,
tanta ambición, tanto estrés. Moitas veces penso que non sei cara
onde camiñamos. Hacia que? Sempre correndo na busca da nada…
Por uns intres gustaríame
deter o reloxo do tempo, máis ben sei que non é posible.
Desexo que este noso lugar
siga sendo a mesma cabana de antano. Unha vella cabana, onde caiban
as novas xeracións, onde sigamos reuníndonos cos amigos para falar,
quentarnos na lareira, beber uns grolos de viño e xogar unhas
partidas de cartas.
E que reine a felicidade
como a vivín eu, agardando seguir gozando da vida moito tempo.
Pepe Salas Martínez
Outubro de 1994