![]() |
| f.: Iván Rodríguez |
Salas, de verde, é membro activo do Club de Lectura
Aínda que sei que isto que escribo non é literatura pura, tampouco a historia desta cabana é a mesma, aínda que poda parecelo, doutras cabanas de calquera aldea.
Aparte de que forma parte da vida dunha familia –Salas Martínez- a miña, tamén é a historia do Sixto e redores. Un xeito de vida a base de dura loita, estreiteza e tristuras mesturadas e compartidas con ledicia, satisfacción e agradables lembranzas.
Nesta mesma casa viviron meus pais –Xosé María e María- e nacemos os cinco irmáns, Carmen, Lola, Olga, Xosefa, Andrés, máis eu Pepe. Coas estreiteces lóxicas daquela época, criáronos cun inmenso cariño, conculcándonos o amor que debe existir dentro da familia.
Honradamente deixáronos a mellor herdanza que tratarei de transmitir aos meus fillos, Gilberto e María, mozos xa.
Lembro con moita añoranza aquelas conversas e consellos, onde non había lugar para a envexa, a crítica e demais chismorreos.
A nosa casa sempre estivo aberta e sempre o estará a toda persoa que nos necesite. Recoñezo que sempre estivemos rodeados de bos veciños.
Retomando a historia da cabana, se recordar é vivir de novo… Lembremos pois. Sentémonos no vello carro, ou derriba dos feixes da herba, ulindo o esterco e o húmido molime.
Entretanto chove miudiño, ou silva o vento, evoquemos o pasado. Uns tempos lonxanos e sen embargo, tan preto…
Se estas vellas paredes puidesen falar hoxe!!!
Aquelas reunións de case vinte veciños e amigos, ou máis, mesturados cos rapaces que eran maioría. Moitas veces os maiores liscaban disimuladamente para deixar que a xuventude falara das súas cousas. Conversas amenas, senlleiras, relaxantes, adobiadas cun toque de pura malicia.
Falábase do tempo, de ir mirar das vacas, das mallas, das esfolladas do maínzo. Dos que marcharan para o estranxeiro ou embarcado na Mariña Mercante. Tamén se falaba do traballo no monte, cortar madeira, recollida das mazás para facer sidra, de cómo fora o día na fábrica de Laxe o Amieiro.
Os cativos, Pepe de Máximo, Quique, máis servidor, dos deberes que tíñamos que facer na escola de don Antonio.
O que máis me gustaba e lle prestaba máis atención, era aos comentarios das festas e dos bailes. Poñía o ouvido á escoita, atentísimo, e os cinco sensos ao máximo.
Cantos bailes denegados!
Cantas ilusións postas no seguinte día de verbena!
Cantas mentirixillas entre as parellas!
Efectivamente as paredes desta casa terían moito que contar, moitos polvetes interrompidos, moitos, moitos…
Lembro tamén con nostalxia as charlas e historias sobre Cuba e a Guerra Civil. Esaxerábase dabondo, contábanse moitas mentiras. Aseguro que as paredes e o tellado estaban máis firmes e asentadas que as de agora mesmo, se non tiveran caído daquela. Que barbaridades!
A vida era diferente, máis pobre, máis san, de maior conformidade que a actual.
Non había tanto egoísmo, tanta ambición, tanto estrés. Moitas veces penso que non sei cara onde camiñamos. Hacia que? Sempre correndo na busca da nada…
Por uns intres gustaríame deter o reloxo do tempo, máis ben sei que non é posible.
Desexo que este noso lugar siga sendo a mesma cabana de antano. Unha vella cabana, onde caiban as novas xeracións, onde sigamos reuníndonos cos amigos para falar, quentarnos na lareira, beber uns grolos de viño e xogar unhas partidas de cartas.
E que reine a felicidade como a vivín eu, agardando seguir gozando da vida moito tempo.
Pepe Salas Martínez
Outubro de 1994

No hay comentarios:
Publicar un comentario