sábado, 12 de noviembre de 2022

Encontro con Consuelo Laforet no Club de Lectura (sobre "Nada", de Carmen Laforet)

f.: Alvaria

Foto de familia dos membros do Club de Lectura que estiveron hoxe no encontro con Consuelo Laforet (centro), sobriña da autora de Nada, que agasallounos coa súa apaixonante conversa sobre a súa tía, unha das escritoras españolas máis destacadas do século XX.


    Hoxe, 12 de novembro, deixounos unha amiga, poeta, escritora, muller do teatro, loitadora, creadora por riba de todo, e fomentadora de amizades imperecedoiras polo seu sentido do deber. Estamos, ás claras, a falar de Charo Suárez. E temos que lle engadir outro adxectivo máis, quizais un que a define moito mellor: muller adiantada ó seu tempo, e é esta calidade a que vén a compartir con outra muller que, aínda que tamén falecida, estivo na nosa compaña na impagable sede da Asociación Libro de Vivo de San Clodio, a galardoada Carmen Laforet. O Club de Lectura de Ortigueira, conseguiu esta milagre non por algún meigallo trasno e inesperado, senón por traer, coma invitada ó faladoiro, á súa sobriña Consuelo Laforet.

    Grazas a David, que invitouna a acompañarnos, con Consuelo fomos partícipes da pegada familiar que toda persoa leva consigo, e ela deixounos seguir ese rastro invisible, guiounos por el ata conseguir chegar a autora de Nadafalounos cun sentimento tal que non dubidamos en meternos no seu papel e tódolos alí presentes puidemos ver e ata sentir o alento da insigne escritora. Unha persoa que pasou a maior parte da súa vida preto doutra sempre levará consigo un ronsel de experiencias, anécdotas e vivencias dela, unha morea de sensacións das que podemos obter algún resultado e Consuelo non dubidou en facernos partícipes daquelas que foi amoreando en vida da súa tía.


f.: Alvaria

Consuelo Laforet, sobriña da escritora, durante o noso encontro no Escolar de San Claudio


    A proximidade tristemente fugaz que tivemos con Carmen Laforet serviunos para coñecer unha escritora inconformista co tempo que lle tocou vivir, a súa ensinanza non foi a do colexio ou a da universidade senón a vida, en maiúsculas, non dubidaba en deixar de ir ás clases co fin de ateigarse de olores, sons, colores, precisaba ter a natureza ó seu carón; paseos nos que observaba polo miúdo o que tiña ó seu redor, encheuse de experiencias de tal xeito que por lóxica tiña que dar saída, coma unha válvula de escape, á información na que se ía mergullando, e iso atopouno nunha profesora, Consuelo Burel, con ela atopou un mundo que non coñecía pero que a engaiolou para sempre: a literatura, nela podía verter,e co mesmo detalle, todo o que ía visualizando no seu percorrer diario, na escritura atopou, sen dúbida, a súa mellor compañeira de viaxe.

    O que estamos a falar témolo na súa obra premiada e máis coñecida, Nada, pois neste fermoso e inesquecible faladoiro fomos quen de desentrañar quen viñan sendo as persoas que ela escolleu para logo darlles vida na novela e tamén onde estaban os lugares e  situacións coñecidos por ela e que definiu con excelente minuciosidade na mesma.

    O premio Nadal foi sen embargo coma un freo para a súa liberdade, os faladoiros, presentacións, entrevistas, campañas de marketing e demais eventos que sempre leva aparellados un premio deste calibre xunto a exercer de nai de cinco fillos, nunha época na que, ademais, as mulleres estaban encorsetadas na sociedade, cernaron en grande medida a súa independencia que aprendera nas Palmas na súa nenez. Evocaba de cotío aquelas Palmas que deixara, de feito as outras novelas que escribiu despois de Nada tiveron á illa coma marco necesario para o seu desenvolvemento, e tentaba non acudir a ela porque sempre quixo lembrala coma a coñecía, non para comprobar como as construcións e a industria do turismo varreron con aquela paisaxe da nenez e xuventude. Este non foi óbice para que o cabildo das Palmas tiveran a ver nomeala filla adoptiva da illa, xa que Carmen Laforet nacera en Barcelona, foi ós dous anos de idade cando seu pai foi destinado ás Palmas. Mais a súa sobriña, a pesar dos atrancos da nova vida de Carmen, non dubidou en afirmar que nos contos e relatos curtos posteriores é onde ten a súa mellor literatura.

    Avantaxada, dicíamos, e loitadora, recalcabamos, e non o facemos solos pois o Ateneo de Madrid ten tan só dous retratos de mulleres na súa galería, a nosa paisana Emilia Pardo Bazán e Carmen Laforet, as dúas xuntas e ollando de esguello, mais con decisión, ós seus compañeiros.

    Grazas a Consuelo Laforet por esta transgresión máxica no tempo (mágoa de ser curto, moi curto) e por compartir con nós as anécdotas e vivencias da súa inesquecible tía Carmen.

    Carmen, xa nosa amiga, e Charo, de sempre, han de estar xuntas ampliando e engrandecendo elas mesmas un novo mundo, este que coñeceron aquí facíaselles pequeno.


Xosé Manuel Bouzamayor

Embed from Getty Images
Retrato de Carmen Laforet en el Ateneo de Madrid
(©Alberto Ortega/Europa Press News/Getty Images)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas