![]() |
| f.: Luli Dopico |
No ano 1992, o Concello de Ortigueira, sendo alcalde don Xesús Varela Martínez, editouse una fermosa e didáctica guía, titulada: GUÍA HISTÓRICA E SOCIAL DA VILA DE SANTA MARTA E AS PARROQUIAS DO SEU CONCELLO.
Conta a guía cun prólogo de Antonio Rivera Losada, documentados textos de Ánxel Rosende e preciosas fotografías de Álvaro Fernández Polo.
No referente a parroquia de Santa María de San Claudio, escribe Rosende:
“Parroquia situada nunhas das sempre consideradas mellores terras do concello, agora só garda a lembranza dun anterior esplendor como centro do mundo agropecuario da bisbarra.
San Claudio tivo ata principios do século XX unha das maiores poboacións parroquiais do Ortegal, o que facía que albergara un núcleo de características case vilegas, con médico e botica incluídos. Pero a sangría da emigración e a progresiva crise do mundo agrario foi especialmente sentida polas súas xentes. Non obstante un paseo polos diferentes lugares deixa ben ás claras a súa importancia pretérita.
Da primeira e de sempre máis relevante feira ortegalesa –creada por Real Cédula de Enrique de Trastámara no 1405 e que se celebraba tódolos terceiros domingos de mes- fican ergueitos os cobertizos dos vendedores, así como a caseta onde se instalou a primeira báscula de pesar o gando do norte da provincia coruñesa.
Lembranza dos emigrados a América son as moitas casas indianas que se espallan pola parroquia, cos seus pórticos na entrada, as fachadas rematadas en bufardas e palmeiras nos xardíns, e un Grupo Escolar ben amplo, erguido nos anos vinte pola Sociedade de Instrucción, Recreo e Auxilio Mútuo “San Claudio”, organizada en Cuba en 1912.
Esta poboación foi centro alfareiro de renome e pequeno centro comercial e de diversión –salón de baile incluído-. E fican testemuñas de varias casas fidalgas que durante a Idade Moderna tiñan aquí o seu asento.
Unha humilde construción antiga en ruínas sita no lugar de Ribados de Enriba, ten sobre a súa porta de entrada un escudo heráldico.
En Ribados de Abaixo existiu a casa solariega fundada por Juan Fernández de Aguiar na segunda metade do século XVI, un fidalgo emparentado cos Pernas, Faxardo e Mesía, que tamén tiveron casa no lugar de Tristimil, do que di a lenda que así se chama por se ter asolagado, desaparecendo un milleiro de almas na catástrofe.
Aínda existía outra casa nobre Tras do Río, dun vínculo fundado no 1614, que máis tarde se agregou aos bens da liña troncal citada.
No lugar da Torre hai unha edificación recente que a parte superior dereita da fachada ten outro brasón.
Consérvase o interesante Pazo dos Barreiros, con entrada a través dunha escalinata de pedra e antigo marco rematado en arco de medio punto nunha porta lateral.
Mágoa que desapareceran os seus fermosos xardíns!
De interese é así mesmo a casa dos Romero, onde veraneaba Leandro Pita Sánchez Boado na busca de inspiración literaria. De traza sobria e rexa, álzase dentro dun espazo amurallado, preto do Campo da Feira.
Se queremos ter unha fermosa vista de onde se asenta o diseminado poboamento de san Claudio, convén subir ata a casa das “señoritas do Grañeiro”, que ten na súa fachada posterior unha galería sostida por columnas labradas de pedra de toelo”.
(Ánxel Rosende, profesor e historiador)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario