 |
| f.: Luli Dopico |
Parroquia de San Claudio
Segundo
a lenda, a parroquia de San Claudio estaba situada entre o que hoxe
lle chaman Mouriños, A Nogueira, A Caioga e Barco Feito. Nese
entorno estaba a Igrexa e arredor dela uns mil habitantes. Despois
dun gran terremoto quedou todo asolagado, o pobo enteiro quedou somerxido, e dende entón ese lugar chámase Tristimil. Algún
devanceiro contaba que había persoas que aínda se lembraban de
ollar a punta da torre da Igrexa, cousa que dubido.
A
mina
Dise
tamén que houbo unha mina de cobre, e pode ser que haxa moito de
certo, pois entre os lugares de O Curro, A Casanova, A Bodeguiña e O
Goimel hai un regato chamado «cano da Mina», e na miña lembranza
entre os lugares de A Bodeguiña e O Goimel, había uns socavóns de
dous ou tres metros de diámetro, nos que se podía ollar de xeito
moi claro que en ámbalas dúas direccións había unhas covas como
galerías.
Tamén
nos terreos que naqueles tempos se traballaban na marxe do cano da
Mina, no lugar de pedras como as da maioría dos terreos o que máis
había eran restos de escoria de cobre. Entre o lugar da Pousada e o
da Bodeguiña hai unhas leiras chamadas «Venaqueira» que quere
dicir vena ou veta da mina. Esta mina non foi pechada porque a súa
explotación non fose rendible, senón pola mala xestión
administrativa.
As
raigames de festa da Xilde
Parece
ser que esta festa xurdiu logo da guerra, promovida por un mestre
destinado nese lugar. Naceu co nome da Festa da Árbore, pois o
mestre xuntaba a tódola mocidade de San Claudio, o segundo domingo
do mes de maio, e os convidaba a unha merenda e a plantar unha
árbore. Co tempo pasou a ser a Festa da Xilde.
 |
| f.: Luli Dopico |
Virxe dos Desamparados da Xilde
Entre
os anos 1959 e 1961, construíuse unha pequena capela, agrandada anos
máis tarde. A virxe dos Desamparados foi enviada dende Valencia por
don Xosé María Seoane Sierra, tenente das oficinas militares alí
destinado. A campá creo foi doada por don Vicente Piñeiro Senra e
dona María Seoane Sierra, emigrantes en Venezuela.
O
día da inauguración foi todo un grande acontecemento, nunca se vira
semellante concentración de xente no lugar, pois todo o que son as
chaeiras da Xilde, Lastigueira e A Venta, estaban abarrotadas co
público. Por primeira vez veuse chegar un coche a Xilde, era o coche
do bispo.
A
pista que uniu o lugar da Xilde coa estrada de Ferrol-Viveiro,
inaugurouse o doce de outubro de 1971 cunha gran sardiñada na eira
do Camiño Grande; por certo, ao ser a pista de estreo, tivemos que
acabar quitando os coches á man, pois pola tarde deu en chover e ao
ser todo terra, converteuse nunha pista de patinaxe enlamada. Os que
non tiñan coche, patinaban tamén, pois ademais de chover por fora,
tamén chovera dabondo por dentro…
Industria
e divertimento
San
Claudio foi un dos pobos máis prósperos da contorna e non só
basado en lendas. Contaba cunha feira de sona cada terceiro domingo
de mes, onde se mercaban e vendían toda clase de produtos gandeiros,
agrícolas, de vestir, ferramenta…
Tiña
unha telleira onde se facían ladrillos e tellas. Dous equipos de
mallar o trigo compostos por motor, limpadora e trilladora.
Aserradeiro de madeira. Sete muíños de auga (o muíño do Mar, o de
Candales, o de Andrés de Pepa, o de Pajón, o da Rega, o do Curro e
o de Prumadelos). Un muíño eléctrico, o de Andrés Fernández, o
manco. Sete ferreiros con forxa: Parapar e Cobelo na Xilde, Marcos
Mouriz no Orxado, Cordido nos Palmarios, Vicente Piñón na
Bodeguiña, Andrés Rodríguez Graña no Grañeiro e Ramón Piñeiro
no Outeiro. Catro panaderías, (casa de Juana, Rodrigo do Cristo,
José Mera e a casa Serapio) e unha carnicería, no Mesón.
Tamén
había algún quincalleiro como A Remosca, O Lisco e a de Pilar do
Lagar Novo que tiña unha mercería moi ben surtida para as
necesidades daquel tempo ao pé do campo da Feira.
 |
| f. Luli Dopico |
Salón da Graña
E
non faltaban lugares onde pasar ben o tempo: o cine do Mesón, tres
salóns de baile (o salón de Graña, o de Chentola e o de Tras do
Río). Dúas fondas, Casa Graña e O Mesón. Varias tabernas con
ultramarinos: O Ventorrillo, o almacén de Ferro e Anunciata, O
Pichel, Casa Chao, Casa Pernas, Casa Paco do Cristo, Casa Pancholo,
Bar do Mesón, Casa Chentola, Casa do Grañés, Casa Pepito Lindo e
Casa Rodrigo.
A
primeira corrente eléctrica a 220 voltios instalouse no lugar da
Bodeguiña, e no Goimel alumeou por primeira vez o 27 de agosto de
1958.
Un
viveiro de músicos
Na
cultura musical, a parroquia foi un viveiro de intérpretes para as
distintas formacións musicais da bisbarra. Merecen mención Pajón,
Rodrigo Doce Carrodeguas, Anselmo Seoane Sierra, Tucho Peña Corgos,
Carlos Piñón Villalba, Francisco Castro Seoane, José Durán Pego
(Pepulo), Luís Fraga (Luís de Pichel), Fernando do Viudo, Eduardo e
Juan Villar Villar, Jesús Breijo (Suso de Valelle), Daniel Méndez
(Daniel do Plantío), Antón Cornide (Chucho de Faxín), Francisco
Pérez (Farruco), José Cornide (Becos), Manuel Fojo Cortés
(Manolito de Foxo).
A
mala sorte quixo que se truncara unha promesa da música. Dirixíndose
un grupo a actuar á zona de Viveiro, o autocar de Pena Boa das
Barbelas (A Barqueira) que os levaba envorcou nas curvas de Escourido
con tan mala sorte que Manolito de Foxo e un compañeiro, Roibás,
quedaron atrapados debaixo do coche e morreron; Manolito era moi
noviño. A música que servía para bailar e dar alegría, quedou de
loito pola perda de dúas persoas, dous talentos musicais.
O
teatro
San
Claudio tamén tocou esta rama do arte, pois representou con gran
éxito (dúas veces na parroquia, unha en San Adrián e outra en
Ortigueira) a obra de Castelao: Os Vellos non deben de namorarse, na
que tiven o pracer de compartir reparto cos protagonistas da mesma.
Eu fixen o papel de don Ramón, un vello verde, ricachón e borracho,
e non me custou caro facelo, tiña o papel ben ensaiado naqueles
tempos.
O
director foi don Ramón Piñón Villalba, Ramón de Felipe (en paz
descanse), para quen teño un recordo especial, e tamén para Antonio
Martínez Pereira e José Ramón Doce Seoane, sen esas tres persoas
tería sido imposible representar tan importante obra.
O
fútbol
Na
cultura do deporte, o C.F. Mezquita, foi dos equipos máis
competitivos da comarca. Contaba nas súas filas con deportistas como
Jesús e Julio Seoane Sierra, Luciano, Cesáreo e José Alonso (os de
Montes), Vicente Piñeiro Senra, Nicanor Martínez, Baldomero Álvarez
(Vevito), Antonio e Manuel Iglesias Barrio, Conrado Barro Cornide,
Vicente Cornide (Chente do Coto), Tucho Peña Corgos, Manuel
Rodríguez (Zamora), Manolo e Pepito de Viveiro, José Gómez (Pepe
da Ovella, Queixo), Carlos Gómez Piñeiro (O Serrano), Javier Gómez
Insua, Constantino Pérez Insua (Tinolo), Ramón Piñón Villalba,
Mario Doce Insua (Cachito), José Manuel Peña Fraguela (Pichón),
Francisco Castro Seoane, Francisco e José Lorenzo Area.
Os
‘habaneros’
Quero
ter unha lembranza especial e un agradecemento para tódolos indianos
que coa dor que supón a morriña de estar tan lonxe da terra, non
escatimaron esforzos para construír o Escolar e que San Claudio non
quedase atrás no referente ao ensino.
Lugares
na memoria
Quero
citar agora dúas construcións simbólicas da nosa parroquia, feitas
polos anos 1915 e 1925, baixo a dirección dun mestre de obras de
Ortigueira, chamado Román, que penso que foi o pai do arquitecto do
Concello, don Alfonso Román. Son o chalé de Carelle, hoxe
propiedade de Manuel Vilela e Isabel Mera, e o chalé de Peña, hoxe
propiedade de José Manuel Franco Caaveiro (Cheiván) e Matilde
Martínez.
 |
| f.: Luli Dopico |
Chalé de Peña (hoxendía Casa do Cheiván)
Digo
simbólicas porque non creo que non haxa parellas de noivos que
casaran daquela en San Claudio, que non sacaran as fotos da voda
diante das dúas casas tan bonitas, coas súas palmeiras, patios e
galerías.
Simbólico
para min tamén, porque o meu avó emigrou a Cuba e, por desgraza,
como outros moitos, regresou cunha man diante e outra detrás. Pero
iso si, trouxo varios baúis cargados de ferramentas para traballar a
madeira e foi el quen fixo as cornisas e esas preciosas galerías.
Vou
rematando e fago un alto no camiño, pois con tempo gustaríame tamén
que viran a luz os contos que hai tempo gardo na memoria, como unha
faceta de humor. Meu avó máis eu tíñamos unha empresa de non
facer nada, onde traballábamos os dous sos. Eu era o encargado do
persoal. Como di o refrán «en tódolos traballos se fuma». E cando
nos sentábamos a fumar un pitillo, el contábame os contos que
lembro con agarimo.
por Manuel
Seoane Sierra (Manolo do Goimel)
NOTA:
As
feiras eran o terceiro domingo de cada mes e coincidían coas de
Viveiro, aló polo ano 1721. A finais do século XIX e comezos do XX,
celebrouse a feira o día cinco de cada mes, aproveitando que o día
seis era na Barqueira e así os que ían para alí pasaban primeiro
por San Claudio e tamén vendían aquí os seus produtos.
A
feira de San Claudio tiña o Privilexio Real, a da terceira «dominica
de cada mes».
AGRADECEMENTOS:
Agradezo
o traballo dunha persoa de gran calidade humana, con máis paciencia
que areas ten o deserto, pois sen ela eu non sería capaz de escribir
isto. Esa muller é Verónica Barcón.
Talvez
algúns datos non son exactos, pido desculpas, pero se alguén quere
colaborar e corrixilos, e mandar algunha foto de antano, quedo
encantado.
 |
| f.: Luli Dopico |
Forno e panadería de Dolan, a única que queda hoxe en San Claudio