jueves, 16 de febrero de 2023

San Claudio noutro tempo: lendas dos nosos antergos

f.: Luli Dopico

Parroquia de San Claudio

    Segundo a lenda, a parroquia de San Claudio estaba situada entre o que hoxe lle chaman Mouriños, A Nogueira, A Caioga e Barco Feito. Nese entorno estaba a Igrexa e arredor dela uns mil habitantes. Despois dun gran terremoto quedou todo asolagado, o pobo enteiro quedou somerxido, e dende entón ese lugar chámase Tristimil. Algún devanceiro contaba que había persoas que aínda se lembraban de ollar a punta da torre da Igrexa, cousa que dubido.


A mina

    Dise tamén que houbo unha mina de cobre, e pode ser que haxa moito de certo, pois entre os lugares de O Curro, A Casanova, A Bodeguiña e O Goimel hai un regato chamado «cano da Mina», e na miña lembranza entre os lugares de A Bodeguiña e O Goimel, había uns socavóns de dous ou tres metros de diámetro, nos que se podía ollar de xeito moi claro que en ámbalas dúas direccións había unhas covas como galerías.

    Tamén nos terreos que naqueles tempos se traballaban na marxe do cano da Mina, no lugar de pedras como as da maioría dos terreos o que máis había eran restos de escoria de cobre. Entre o lugar da Pousada e o da Bodeguiña hai unhas leiras chamadas «Venaqueira» que quere dicir vena ou veta da mina. Esta mina non foi pechada porque a súa explotación non fose rendible, senón pola mala xestión administrativa.


As raigames de festa da Xilde

    Parece ser que esta festa xurdiu logo da guerra, promovida por un mestre destinado nese lugar. Naceu co nome da Festa da Árbore, pois o mestre xuntaba a tódola mocidade de San Claudio, o segundo domingo do mes de maio, e os convidaba a unha merenda e a plantar unha árbore. Co tempo pasou a ser a Festa da Xilde.

   

f.: Luli Dopico

Virxe dos Desamparados da Xilde


    Entre os anos 1959 e 1961, construíuse unha pequena capela, agrandada anos máis tarde. A virxe dos Desamparados foi enviada dende Valencia por don Xosé María Seoane Sierra, tenente das oficinas militares alí destinado. A campá creo foi doada por don Vicente Piñeiro Senra e dona María Seoane Sierra, emigrantes en Venezuela.

    O día da inauguración foi todo un grande acontecemento, nunca se vira semellante concentración de xente no lugar, pois todo o que son as chaeiras da Xilde, Lastigueira e A Venta, estaban abarrotadas co público. Por primeira vez veuse chegar un coche a Xilde, era o coche do bispo.

    A pista que uniu o lugar da Xilde coa estrada de Ferrol-Viveiro, inaugurouse o doce de outubro de 1971 cunha gran sardiñada na eira do Camiño Grande; por certo, ao ser a pista de estreo, tivemos que acabar quitando os coches á man, pois pola tarde deu en chover e ao ser todo terra, converteuse nunha pista de patinaxe enlamada. Os que non tiñan coche, patinaban tamén, pois ademais de chover por fora, tamén chovera dabondo por dentro…


Industria e divertimento

    San Claudio foi un dos pobos máis prósperos da contorna e non só basado en lendas. Contaba cunha feira de sona cada terceiro domingo de mes, onde se mercaban e vendían toda clase de produtos gandeiros, agrícolas, de vestir, ferramenta…

    Tiña unha telleira onde se facían ladrillos e tellas. Dous equipos de mallar o trigo compostos por motor, limpadora e trilladora. Aserradeiro de madeira. Sete muíños de auga (o muíño do Mar, o de Candales, o de Andrés de Pepa, o de Pajón, o da Rega, o do Curro e o de Prumadelos). Un muíño eléctrico, o de Andrés Fernández, o manco. Sete ferreiros con forxa: Parapar e Cobelo na Xilde, Marcos Mouriz no Orxado, Cordido nos Palmarios, Vicente Piñón na Bodeguiña, Andrés Rodríguez Graña no Grañeiro e Ramón Piñeiro no Outeiro. Catro panaderías, (casa de Juana, Rodrigo do Cristo, José Mera e a casa Serapio) e unha carnicería, no Mesón.

    Tamén había algún quincalleiro como A Remosca, O Lisco e a de Pilar do Lagar Novo que tiña unha mercería moi ben surtida para as necesidades daquel tempo ao pé do campo da Feira.

f. Luli Dopico

Salón da Graña


    E non faltaban lugares onde pasar ben o tempo: o cine do Mesón, tres salóns de baile (o salón de Graña, o de Chentola e o de Tras do Río). Dúas fondas, Casa Graña e O Mesón. Varias tabernas con ultramarinos: O Ventorrillo, o almacén de Ferro e Anunciata, O Pichel, Casa Chao, Casa Pernas, Casa Paco do Cristo, Casa Pancholo, Bar do Mesón, Casa Chentola, Casa do Grañés, Casa Pepito Lindo e Casa Rodrigo.

    A primeira corrente eléctrica a 220 voltios instalouse no lugar da Bodeguiña, e no Goimel alumeou por primeira vez o 27 de agosto de 1958.


Un viveiro de músicos

    Na cultura musical, a parroquia foi un viveiro de intérpretes para as distintas formacións musicais da bisbarra. Merecen mención Pajón, Rodrigo Doce Carrodeguas, Anselmo Seoane Sierra, Tucho Peña Corgos, Carlos Piñón Villalba, Francisco Castro Seoane, José Durán Pego (Pepulo), Luís Fraga (Luís de Pichel), Fernando do Viudo, Eduardo e Juan Villar Villar, Jesús Breijo (Suso de Valelle), Daniel Méndez (Daniel do Plantío), Antón Cornide (Chucho de Faxín), Francisco Pérez (Farruco), José Cornide (Becos), Manuel Fojo Cortés (Manolito de Foxo).

    A mala sorte quixo que se truncara unha promesa da música. Dirixíndose un grupo a actuar á zona de Viveiro, o autocar de Pena Boa das Barbelas (A Barqueira) que os levaba envorcou nas curvas de Escourido con tan mala sorte que Manolito de Foxo e un compañeiro, Roibás, quedaron atrapados debaixo do coche e morreron; Manolito era moi noviño. A música que servía para bailar e dar alegría, quedou de loito pola perda de dúas persoas, dous talentos musicais.


O teatro

    San Claudio tamén tocou esta rama do arte, pois representou con gran éxito (dúas veces na parroquia, unha en San Adrián e outra en Ortigueira) a obra de Castelao: Os Vellos non deben de namorarse, na que tiven o pracer de compartir reparto cos protagonistas da mesma. Eu fixen o papel de don Ramón, un vello verde, ricachón e borracho, e non me custou caro facelo, tiña o papel ben ensaiado naqueles tempos.

    O director foi don Ramón Piñón Villalba, Ramón de Felipe (en paz descanse), para quen teño un recordo especial, e tamén para Antonio Martínez Pereira e José Ramón Doce Seoane, sen esas tres persoas tería sido imposible representar tan importante obra.


O fútbol

    Na cultura do deporte, o C.F. Mezquita, foi dos equipos máis competitivos da comarca. Contaba nas súas filas con deportistas como Jesús e Julio Seoane Sierra, Luciano, Cesáreo e José Alonso (os de Montes), Vicente Piñeiro Senra, Nicanor Martínez, Baldomero Álvarez (Vevito), Antonio e Manuel Iglesias Barrio, Conrado Barro Cornide, Vicente Cornide (Chente do Coto), Tucho Peña Corgos, Manuel Rodríguez (Zamora), Manolo e Pepito de Viveiro, José Gómez (Pepe da Ovella, Queixo), Carlos Gómez Piñeiro (O Serrano), Javier Gómez Insua, Constantino Pérez Insua (Tinolo), Ramón Piñón Villalba, Mario Doce Insua (Cachito), José Manuel Peña Fraguela (Pichón), Francisco Castro Seoane, Francisco e José Lorenzo Area.


Os ‘habaneros’

    Quero ter unha lembranza especial e un agradecemento para tódolos indianos que coa dor que supón a morriña de estar tan lonxe da terra, non escatimaron esforzos para construír o Escolar e que San Claudio non quedase atrás no referente ao ensino.


Lugares na memoria

    Quero citar agora dúas construcións simbólicas da nosa parroquia, feitas polos anos 1915 e 1925, baixo a dirección dun mestre de obras de Ortigueira, chamado Román, que penso que foi o pai do arquitecto do Concello, don Alfonso Román. Son o chalé de Carelle, hoxe propiedade de Manuel Vilela e Isabel Mera, e o chalé de Peña, hoxe propiedade de José Manuel Franco Caaveiro (Cheiván) e Matilde Martínez.


f.: Luli Dopico

Chalé de Peña (hoxendía Casa do Cheiván)

    

    Digo simbólicas porque non creo que non haxa parellas de noivos que casaran daquela en San Claudio, que non sacaran as fotos da voda diante das dúas casas tan bonitas, coas súas palmeiras, patios e galerías.

    Simbólico para min tamén, porque o meu avó emigrou a Cuba e, por desgraza, como outros moitos, regresou cunha man diante e outra detrás. Pero iso si, trouxo varios baúis cargados de ferramentas para traballar a madeira e foi el quen fixo as cornisas e esas preciosas galerías.

    Vou rematando e fago un alto no camiño, pois con tempo gustaríame tamén que viran a luz os contos que hai tempo gardo na memoria, como unha faceta de humor. Meu avó máis eu tíñamos unha empresa de non facer nada, onde traballábamos os dous sos. Eu era o encargado do persoal. Como di o refrán «en tódolos traballos se fuma». E cando nos sentábamos a fumar un pitillo, el contábame os contos que lembro con agarimo.


por Manuel Seoane Sierra (Manolo do Goimel)


NOTA:

As feiras eran o terceiro domingo de cada mes e coincidían coas de Viveiro, aló polo ano 1721. A finais do século XIX e comezos do XX, celebrouse a feira o día cinco de cada mes, aproveitando que o día seis era na Barqueira e así os que ían para alí pasaban primeiro por San Claudio e tamén vendían aquí os seus produtos.

A feira de San Claudio tiña o Privilexio Real, a da terceira «dominica de cada mes».

AGRADECEMENTOS:

Agradezo o traballo dunha persoa de gran calidade humana, con máis paciencia que areas ten o deserto, pois sen ela eu non sería capaz de escribir isto. Esa muller é Verónica Barcón.

Talvez algúns datos non son exactos, pido desculpas, pero se alguén quere colaborar e corrixilos, e mandar algunha foto de antano, quedo encantado.


f.: Luli Dopico

Forno e panadería de Dolan, a única que queda hoxe en San Claudio

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas