lunes, 6 de febrero de 2023

Nunca chove a gusto de todos

f.: Dolores Asenjo Gil

Na Bodeguilla de San Claudio


    Atoparse coa felicidade, aínda que sexa allea, é gratificador. Presentouse de súpeto e sorprendeume que madrugara tanto. Un cativo duns catro ou cinco anos, agachado a ras do chan, collía pulo e saltaba  nun charco. Repetía o chouto e ría contento. O rapaz antes de brincar gritaba “mamá, mira”, coma se con cada chimpo estivera a punto de superar a súa propia marca de chapuzadura. A nai sorría e asentía coa cabeza. Había placidez no rostro da nai e alegría no do cativo. Penso que eu tamén sorrín discretamente. Canto tempo pasara dende que non vira a alguén saltar nos charcos? Quizais dende que os meus fillos deixaron de facelo. Que pracer tan grande, barato e desaproveitado, pensei para min. Xunto á nai había un can cor canela que semellaba apracible e volteaba con insistencia o rabo. Sería como mostra do seu contento ou era a súa maneira de animar ao cativo no empeño de superar o seu propio récord? Tería que quedar coa dúbida, pois non era cuestión de preguntarlle ao animal. Pasei a carón do feliz trío e continuei o meu paseo pola pista que vai da Torre a Sixto. Sentíame liviá e de bo ánimo. Aínda coa imaxe na retina do anaco de ledicia albiscado mirei para o chan e sorprendeume a morea de fochas que había no asfalto. Habíaas grandes, medianas e pequenas e todas cheas de auga grazas ás copiosas choivas deses días. Pensei en tódolos saltos que podería dar o rapaz e tamén na pericia que debían ter os condutores da parroquia para non deixar as rodas enterradas en tanta fochanca. Con esas reflexións na miña cabeza camiñaba a paso lixeiro. De pronto, un troupeleo ás miñas costas fíxome parar e mirar. A nai e o neno, collidos da man, e o can ao seu carón corrían aproveitando o desnivel da pista. Saudaron alegres ao adiantarme. Retomei a marcha coa mirada pousada no grupo familiar que se afastaba ata que sentín a friaxe nos pés e a miña voz enfurruñada.

    ─Merda de foxos!


Dolores Asenjo Gil

1 comentario:

  1. Grazas Loli, dunha tirada van varios asuntos, por non escribir unha frase archicoñecida. Queda o escrito e, se alguén co sentido cidadán e o poder necesatio os quere amañar, que non tarde moito, que pasan a ter o recoñecemento de "históricos".

    ResponderEliminar

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas