![]() |
O pasado venres, 10 de Febreiro, tivemos o gusto de acoller no Escolar de San Claudio a tres persoas que levan no celme a inquedanza da cultura e de amosarnos as súas publicacións, facéndonos partícipes do goce dunha grata lectura das súas obras.
Presentáronse ao colectivo lector, logo de que Cruz Sabio preludiara a Marta Yáñez para que nos amosara como xurdiu o poemario Supersticións, e de que recitáramos en conxunto poemas do mesmo, ao tempo que a uns ollos verdes de mirada infinda asomaban as bágoas lembrando os versos dedicados ao avó.
De Ferrolterra chegaron:
María Isabel Ramos Breijo, que naceu en Ponte Mera (1971) e que ten parentes en San Claudio. Presentounos o libro: Hasta el infinito y más allá, un libro de 48 relatos curtos que invitan a soñar, mesturando o real e o misterioso, deixando abertos os finais, e algún deles inspirado nas terras do Ortegal. O libro está ilustrado pola súa nai, Dolores Breijo Santiago e por Sabela Castrillón Ramos, e editado por Círculo Rojo.
María Isabel Cagiao Branco, unha ama de casa que leva traballando dende os 18 anos no que xurde, pero que se refuxia na lectura e na escritura como vía de escape tanto das alegrías como das penas. Defínese como unha muller loitadora, reivindicativa e chea de inquedanzas. Presentounos os dous libros que editou Diversidad Literaria: Gomets, que xa vai pola quinta edición, e Gomets II (La casa de los encuentros), e anuncióunos que xa está escribindo a terceira parte, que conformará a triloxía da saga dunha azarosa familia que vive nun pobo galego que se chama Narón.
Juan Galán Suárez, profesor de inglés nado na Coruña (1961) que reside en Ares, fundador e primeiro presidente da ONG “Ecos do Sur”, de cooperación ao desenvolvemento e axuda do inmigrante. Ademais de escritor, tamén é investigador da Memoria Histórica Democrática. Iniciou a súa carreira literaria cunha novela histórica: Romanza de los naranjos en flor, e presentounos El eco de tu voz, editado por Medulia, con ilustracións de Susana Bermejo.
Este libro narra a historia ficticia dun amor apaixoado entre a escritora Virginia Woolf, que visita a Coruña no 1916, e Fabiana Ponte, unha sindicalista coruñesa que traballa na casa do político Santiago Casares Quiroga. Ao longo das súas 119 páxinas asistimos ao encontro da escritora británica con Emilia Pardo Bazán, cun suxestivo paseo polo Pazo de Meirás.
A súa lectura esperta curiosidade polos diálogos dos personaxes, froito da fantasía do autor, e a trama do mesmo que non busca unha veracidade histórica absoluta.
Agradecemos que nos deixaran dedicados e asinados os seus libros que xa se encontran nas estanterías da Biblioteca de Libro Vivo, dispostos para o préstamo.
por Luli Dopico




No hay comentarios:
Publicar un comentario