miércoles, 8 de febrero de 2023

San André de Teixido, por Luli Dopico

f.: Álvaro Fdez. Polo

Fotografía de portada do libro Viaxe ao Alén de Obdulia Dopico


    Cando escribín Viaxe ao alén, unha novela curta que tamén puidera titularse Romeiros de ultratumba, documenteime nos poucos libros que nos achegan á realidade do Santuario enclavado na abrupta Serra da Capelada, tamén chamada “As montañas da néboa”, onde se atopan os cantís máis altos da Europa continental, preto da garita de Herbeira, (613 m. de altura sobre o nivel do mar), e o areal de Teixidelo, a única praia de areas negras de orixe non volcánico que hai no mundo, entre outras marabillas da natureza, como o Cabo Ortegal.

Os libros en cuestión foron: San Andrés de Teixido, de Federico Maciñeira, editado no ano 1921; La comarca del Ortegal en el segundo milenio antes de Jesucristo, de Ramón Bascoy, (seis libros editados pola Imprenta Fojo entre os anos 1954-1963); e o de Rafael Usero, cronista  oficial de Cedeira, El Santuario de San Andrés de Teixido editado pola Fundación Villabrille no ano 1992.

    Por certo que as protagonistas da miña novela por inspiración divina son Sor Xelda e dona Sol, que en realidade se chaman Mary Luz e Sor Lolín, as fillas de Bascoy.

    Mais para escribir de Teixido tamén hai que falar cos lugareños, co cura Rúa, con Sergio Muíño “Eufundevivo”, con Pepe Riola ou con Loli Rubido, expertos coñecedores das tradicións e historia dun lugar máxico, berce dunhas historias e vivencias que se remontan no tempo, cando posiblemente Teixido fora un santuario pagán, segundo os historiadores, e xentiña de toda Europa peregrinaba expiando os pecados e cumprindo a promesa de viaxar de vivo para non ter que volver de morto, reencarnado nun dos réptiles que atopamos polo camiño e que non se debe pisar por ser unha almiña que vai en romaría cumprir a promesa e acadar a gloria eterna.


f.: Álvaro Fdez. Polo

Relicario que se conserva no Santuario de Teixido


    Varias son as formas de peregrinar da xente que o fai pola fe, que hai quen vai de turista facer a foto, comer uns percebes e gozar da paisaxe, que é outro xeito de pasar un bo día e coñecer as terras de Cedeira, Cariño e Ortigueira.

    Santo André engloba varios ritos, como o de portar o cadaleito se te salvabas dunha enfermidade grave, (xa non está en vixencia). A persoa levaba a caixa e deixábaa pendurada no muro Norte do Santuario, onde chegaron a ter tantas que tiveron que buscarlle una nova ubicación, baixo o mesmo atrio.

    Tamén se poden ver maquetas de barcos levadas polos mariñeiros que se salvaron dun naufraxio ou dunha galerna, hoxendía hai cen trangalladas expostas nun altarciño que se renova a cotío, bufandas do Deportivo, chisqueiros de quen deixou de fumar, exvotos de cera, muletas, xoguetes de nenos, moitas flores de plástico e velas que arden todo o día.


f.: Álvaro Fdez. Polo

Sanandresiño


Para peregrinar a San Andrés non hai normas establecidas, pódese ir de calquera xeito, no tipo de vehículo que teñas, ou doutras moitas formas. A máis estendida dende Ortigueira é a de subir a pé dende San Adrián, pasando, se vas de vagar, polo Pozo do Inferno e polas Capelas do Socorro. Hai quen se ofrece a ir descalzo, ou sen falar durante todo o camiño, quen leva unha pedra para deixar no amilladoiro, os que van sen comer nin beber, quen porta unha candea e baixa de xeonllos a Costa Grande, ou quen vai acompañando un defunto.

Este último ten un rito peculiar. Pola mañá cedo irás buscar o morto ao cemiterio, petarás tres veces no chan da tumba e diraslle que se erga que vades cumprir a promesa que en vida non lle deu tempo a facer. Había quen oía chamar, quen o avisaba con antelación e ata a quen se lle aparecía en soños para que o fora a buscar ao cemiterio para ir a Teixido. Se vas en coche ou en autobús hai que pagar o billete e deixar un asento libre para o finado. Se vas andando mirarás de que non se perda polo camiño, como lle pasou a Sor Xelda. Tamén hai que levar avituallamento para o falecido, antigamente a comida dábaselle logo a un pobre que estivera pedindo polo lugar. Unha vez escoitado misa, xa de regreso hai que acompañalo de novo ata o camposanto e deixalo acomodado na tumba, despedíndose e dicindo algo así como: “Misión cumprida”.

Neste camiño de tránsito para as almas, encontramos outros rituais específicos de morte, de fertilidade, de vida ou de amor, como a de meter no peto da persoa amada se queres que che corresponda, a herba de namorar que crece por alí. Non marcharemos do lugar sen baixar beber auga da Fonte dos tres canos (actualmente pon que non é potable) e botar as migas de pan por ver se afondan, ademais de mercar os fermosos “Sanandresiños” do artesán Jorge Bellón, lugar que tanto éxito tiveron en Fitur o pasado ano, que ata a raíña Leticia levou un, ou en calquera tenderete do lugar, que tamén os hai.

Seguirei contando cousas e anécdotas simpáticas de San Andrés e lembren ir de vivos para non ter que volver de mortos.

por Luli Dopico

No hay comentarios:

Publicar un comentario

CARTA CARECOS

  O pasado sábado 29 de novembro, tivemos doblete nas charlas Apálpate : Cariño e San Claudio (Ortigueira). Foto:  María Jesús Rodriguez Ram...

Libro de visitas